A Casa da Xuventude acolle unha sesión de emprego e autoemprego para mozos

Silleda, 5 de setembro de 2014. A Casa da Xuventude acolle o vindeiro venres día 12 unha sesión de motivación, baixo o título “Activando o teu futuro”, relacionada co emprego e o autoemprego, enmarcada no programa dos cursos Activa 2014. A cita será ás 17.00 horas.

Nesta sesión, dirixida a mozos/as, farase unha análise das oportunidades de traballo e competitividade no mercado laboral, entre outros. Un dos obxectivos desta sesión pasa por  aportar ferramentas que lles permitan aos mozos e mozas optimizar as súas habilidades e destrezas para tomar decisións respecto ao seu futuro ocupacional ou profesional.

As persoas interesadas en participar nesta sesión, totalmente gratuita,  deben de inscribirse na Casa da Xuventude (aberta este mes en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas) ou ben nas dependencias do Concello.