A comisión de festas da Paella de Cortegada gaña o concurso Nas festas somos máis

Silleda, 28 de decembro de 2016.  A comisión organizadora da Festa da Paella de Cortegada resultou ser a gañadora da primeira edición do certamen “Nas festas somos máis” convocado dende o Concello de Silleda no marco da campaña de fomento do empadroamento.

O xurado elixiu a iniciativa desta Festa como a mellor das dúas opcións presentadas, destacando ademais a súa orixinalidade e a repercusión e alcance das propostas. Así, ademais da promoción da campaña de empadroamento –coa inclusión de logos e carteis- a comisión desta festa gastronómica levou a cabo accións coma unha promoción propia coa que se facía un desconto do 50% nas invitacións da cea a todas as persoas que se empadroasen en Silleda durante o mes de xullo.

Esta iniciativa, segundo as bases da promoción organizada pola propia comisión –que se publicita na súa páxina web-, continuará co mesmo desconto o vindeiro ano para todas aquelas persoas que demostren seguir empadroadas ao longo do 2017.

O xurado, presidido polo alcalde, Manuel Cuiña, e integrado pola concelleira de Turismo, Ana Luisa González, a técnico de Cultura Sara Blanco e a responsable de Comunicación, Mónica González, destacou o traballo realizado pola comisión de Cortegada á hora de promover o empadroamento no municipio e o esforzo realizado.

A esta primeira convocatoria tamén se presentou a Asociación Sociocultural Coto do Castelo de Graba, que ademais da incluir nas súas actividades imaxes da campaña municipal tamén levaron a cabo vídeos nas redes sociais para promocionar o empadroamento. O xurado tamén fai mención ao traballo realizado por este colectivo, agradecendo aos dous grupos que se presentaran a esta primeira edición do concurso, dirixido a colectivos e asociacións, legalmente constituidos, que sexan organizadores de festas patronais ou gastronómicas do municipio silledense.

Ademais do fomento do empadroamento como fondo, tamén se busca a promoción turística de Silleda.

Cambio das bases e aumento da dotación

Dende o Concello de Silleda agárdase contar con máis participación o vindeiro ano ao tempo que se anuncia a modificación nas bases para tratar de establecer distintos premios para compensar o esforzo e traballo das entidades que concorran.  Este cambio implicará tamén un aumento na contía (nesta primeira edición había un único premio de 1.500 euros) para esta iniciativa.

“É a primeira vez que se organiza unha promoción deste tipo no noso municipio e polo tanto teremos que ir mellorando certos aspectos de cara a vindeiras edicións para incentivar a participación dos colectivos”, indica o alcalde, que agradece tanto á Comisión da Festa da Paella como ao colectivo Coto do Castelo que participaran neste certame “que nace ao abeiro da campaña En Silleda somos máis, para a concienciación e a sensibilización da cidadanía sobre a importancia de manter o padrón de habitantes.