A comunidade educativa de Silleda súmase á Mesa para a Erradicación da Violencia de Xénero

Silleda, 18 de novembro de 2015. A Mesa para a Erradicación da Violencia de Xénero do Concello de Silleda, creada a principios de 2009, celebrou hoxe un novo encontro no que se incorporaron a este organismo representantes da comunidade educativa do municipio. Así, o primeiro punto da orde do día foi a presentación das novas integrantes da mesa. Acudiron as orientadoras do CEIP Ramón de Valenzuela e o IES Pintor Colmeiro, e a xefa de Estudos do Colexio María Inmaculada.

Na sesión, presidida pola concelleira de Igualdade, Pilar Peón, tamén se deu conta das reformas lexislativas e outras novidades en materia de violencia de xénero.

Tres casos con orde de alonxamento

Tamén estiveron presentes a directora e a psicóloga do CIM (Carmen Miranda e Anxos García), representantes da Garda Civil e o inspector da Policía Local, José Manuel García, así como a responsable da Unidade contra a Violencia da Subdelegación do Goberno, Paz Pérez.

Na xuntanza tamén se deu conta dos casos acaecidos no municipio neste ano 2015. Hai a día de hoxe tres ordes de alonxamento vixentes.

O orzamento da Mesa, a programación anual e calendarios de actuación para o 2016 foron outros dos asuntos tratados.

Máis Violeta

Dende a Concellería de Igualdade e a través do CIM de Silleda, ademais da colocación de lemas na hostalería, o comercio e edificios públicos tamén se celebrará o vindeiro 25-N co xa tradicional “Máis Violeta”, unha concentración na que estarán presentes este ano todos os centros educativos.