A Concellería de Benestar e Igualdade pon de novo en marcha o programa Coeducamos

Silleda, 8 de outubro de 2013.  A Concellería de Benestar e Igualdade de Silleda, que dirixe Dolores García, pon en marcha o programa Coeducamos, dentro das iniciativas encamiñadas a promover a igualdade entre homes e mulleres. Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está deseñado para afianzar no ensino e tamén no ámbito familiar os valores e prácticas coeducativos.

O programa consta de diferentes actuacións, sendo a primeira delas a actividade titulada Os saberes diarios, un obradoiro de corresponsabilidade, sobre tarefas domésticas, destinado a nenos e nenas de 5 a 16 anos. As sesións celebraranse todos os luns e martes, en horario de 16.45 a 19.00 horas nas dependencias do Centro de Información á Muller (CIM), situadas no Centro Social de Silleda.

A primeira das sesións terá lugar esta tarde, impartida por Fátima Charchour, e leva por título “O Almorzo”. Os/as participantes aprenderán a realizar distintas recetas para a primeira comida do día.

“Con esta parte do programa queremos romper cos roles asignados a mulleres e homes pola sociedade, e sensibilizar pola educación en igualdade”, sinala a concelleira de Igualdade de Silleda.  Ao mesmo tempo, con este obradoiro tamén se aposta por mellorar a calidade nutricional de nenas e nenos a través da educación e conciencialas sobre a importancia de adquirir hábitos saudables.