A Concellería de Cultura convoca un Concurso de Decoración de Nadal entre os centros educativos

Silleda, 20 de novembro de 2013. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de convocar un novo concurso entre os centros de ensino. Trátase dun certame de decoración de Nadal, que premiará a orixinalidade, presentación, creatividade e a iniciativa dos centros á hora de facer propostas decorativas de cara ás vindeiras datas festivas. Haberá dúas categorías, unha para o alumnado de Infantil e Primaria e outra para os de Educación Secundaria Obligatoria (ESO) e Bacharelato.

Segundo recollen as bases, que xa foron remitidas aos centros educativos, haberá dous premios en cada unha das categorías, consistentes en cheques regalo para a compra de libros en galego para a biblioteca do centro. Os dous primeiros premios serán por importe de 100 euros cada un e os segundos por valor de 75 euros.  Así mesmo, outorgaráselles a todos os centros participantes un diploma de participación.

O xurado estará composto por un membro do Consello Municipal de Cultura, un técnico/a municipal que actuará como secretario/a, e unha persoa do municipio silledense relacionada co mundo da creatividade.  Cada membro puntuará a decoración de 0 a 10 puntos.

Valorarase a creación artística, interculturalidade nos decorados, inxenio, ou a laboriosidade na execución e materiais empregados, entre outros.   Tamén se valorará que apareza representado na decoración algún elemento arquitectónico, artístico ou natural do Concello de Silleda.

Os traballos presentados ao concurso deberán estar expostos nunha dependencia do centro o día 18 de decembro, data na que o xurado fará as pertinentes visitas para evaluar os traballos. Ademais, os centros comprométense a mater a decoración aberta ao público dende o 18 ao 20 de decembro.

Este certame sustitúe nesta edición ao de postais e cartas aos Reis Magos, que se viña celebrando nos últimos anos, e forma parte da ampla programación de Nadal do Concello de Silleda, que será presentado nos vindeiro días.