A Concellería de Cultura entrega copia do documental As Voces da Romería aos colaboradores/as, bibliotecas e centros de ensino

Silleda, 20 de outubro de 2016.  O Concello de Silleda, a través da Concellería de Cultura está a entregar estes días unha copia da reportaxe-documental “As voces da Romaría”, un traballo que recolle os inicios e o devir da Romaría do Rapaz, que se celebra en Siador cada último domingo de xuño dende hai xa case 30 anos.

Ademais de repartir copias entre as persoas que colaboraron –tanto os que interveñen no traballo como aqueles que aportaron material gráfico, audiovisual.. ou outro tipo de colaboración-tamén se distribuiron copias nos centros de ensino do municipio e nas bibliotecas públicas Daniel Castelao de Silleda e na do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.

O documental, que tamén se subiu ás redes sociais, presentouse o pasado mes de xuño ao público nun acto celebrado na Casa da Cultura.

Nel amosase  a historia da festa dende o seu nacemento, e a súa evolución ata o presente, narrada por testemuñas implicadas na organización da Romaría ao longo de todos estes anos. A elaboración deste traballo comezou a perfilarse con motivo do 25 aniversario da celebración, en 2013.

Deste xeito, esta iniciativa pretende, ademais de dar a coñecer o traballo levado a cabo polas distintas organizacións da festa, servir de homenaxe tanto a todos eles, coma a todos os nenos e nenos que participaron dela ao longo do tempo.