A Concellería de Cultura oferta este ano 23 cursos para os centros sociais das parroquias

Silleda, 7 de outubro de 2014. A Concellería de Cultura de Silleda, que dirixe Manuel Cuiña, vén de anunciar a oferta de cursos e actividades para os centros sociais das parroquias. A oferta destaca un ano máis pola súa variedade, incluíndo unha oferta récord con un total de 23 modalidades, 4 máis que o ano pasado.

Así, ademais de actividades xa clásicas no municipio tamén se ofertan outras novidosas. Na lista figuran cursos relacionados co exercicio físico, como son as de aerobic-baile, Pilates, bailes de salón e ximnasia de mantemento, e ademais incorpórase o zumba como novidade.

 Tamén se ofertan outras actividades relacionadas coa creación e expresión artística. Así as parroquias terán a posibilidade de solicitar cursiños de teatro e de pintura. Neste caso ademais de pintura ao óleo, tamén se ofertan outras dúas novidades como son a pintura con areas e a pintura de telas. Non faltan na lista as manualidades, calceta, curso de cociña e tamén, como novidade o punto de cruz.  No ámbito da artesanía, destacan dous ciclos, o de cestería e coiro, así coma un de flores de papel , centros con material reciclado ou arte floral con flor artificial.

O  listado de cursos tamén inclúe outras actividades relacionadas co cultivo e a horta. Así, neste grupo ademais do curso de poda e propagación de plantas, que tivo un grande éxito nos últimos anos, tamén se oferta un curso de horticultura ecolóxica, un básico de fruticultura e outro de instalación e mantemento de xardíns.

O prezo, para todos os casos é de 15 euros por persoa ao mes. Todas aquelas persoas residentes no rural que estén interesadas en participar deben de chamar ao Concello (986 580000) ou ben poñerse en contacto cos delegados /as parroquiais da súa localidade.

As actividades terán lugar dende o vindeiro mes de novembro e ata abril do vindeiro. Para poder celebrarse débese de xuntar un número mínimo de persoas (que oscila entre os 10 e os 15 asistentes como mínimo)

“Trátase dunha oferta moi variada, con actividades que cremos que lle poden interesar aos veciños e veciñas das parroquias, e que inclúe ademais novidades respecto a outros anos”, sinala Cuiña.