A Concellería de Educación oferta dous campamentos para este verán en Cangas do Morrazo e nos Peares

-O prazo de inscrición estará aberto ata completar as 50 prazas dispoñibles

Silleda, 2 de maio de 2016. A Concellería de Educación de Silleda vén de ofertar, en colaboración coa empresa Vida Láctea, campamentos de verán con distintas actividades e a aprendizaxe de inglés como un dos obxectivos.

Este ano a oferta chega por partida dobre. Así, para os nenos de 12 a 16 anos ofértase un Campamento de Praia en Cangas do Morrazo, entre o 1 e o 8 de xullo. O programa de actividades inclúe obradoiros, visitas á zona, xogos en valor, veladas, e deportes de aventura. Así, ademais de surf, tamén se propón paddelsurf, kaiak-surf, bodyboard, snorquel con scooter, travesía en kaiak, sendeirismo, xeocaching con gps….. O prezo é de 280 euros.

A outra opción está dirixida a nenos de 8 a 14 anos e ten a aprendizaxe de inglés coma un dos obxectivos. Trátase dun Campamento de Inmersión Lingüística na Ribeira Sacra, en Os Peares, do 11 ao 18 de xullo. En esta aventura propóñense ademais de obradoiros “on english”, visitas á Ribeira Sacra, xogos en valor, veladas, actividades coma paddelboard, kaiak, escalada, rutas en MTB, paintball, arco, ou xeocaching con gps. O prezo deste campamento ao igual que o outro, é de 280 euros.

As persoas que queiran recibir máis información ou inscribirse, deben de dirixirse á Casa da Cultura, en horario de 08.00 a 14.00 horas, ou ben chamar ao 986 581028.

O prazo de inscrición comezou o pasado 25 de abril e permanecerá aberto ata completar as 50 prazas que se ofrecen por campamento.

“Logo do éxito que tiveron campamentos deste tipo en anos anteriores, volvemos a apostar por ofertar aos nenos/as e mozos/as de Silleda estas actividades, nas que o lecer e o deporte na natureza e no mar, se conxugan coa aprendizaxe do inglés dun xeito lúdico”, explica a concelleira de Educación, Pilar Peón.

Coma en anos pasados, a información sobre estes dous campamentos tamén se levará aos centros de ensino do municipio.