A Concellería de Educación outorga axudas a  100  estudantes silledenses para o transporte por valor de 18.948 euros

-Do total de solicitudes  rexistradas en total, rexeitáronse  7 por non cumprir os requisitos  establecidos nas bases. A contía das axudas establécese en función da renda familiar

 Silleda,  8 de decembro de 2020.  A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Ángela Troitiño, vén de resolver definitivamente a convocatoria das bolsas para o transporte destinadas a  universitarios/as e estudantes de ciclos formativos  que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma.

En total outorgáronse 100 axudas (9 máis que o pasado ano) a outros tantos estudantes, cun importe global de18.948 euros . Do total de solicitudes foron rexeitadas 7, por non cumprir os requisitos establecidos nas bases reguladoras.  O expediente aprobouse a semana pasada na Xunta de Goberno Local e tal e como recollen as bases, publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web municipal o listado de persoas beneficiarias.

As contías das bolsas establecéronse en función da renda familiar, sendo o importe máximo da subvención por beneficiario/a de 400 euros. En total outorgáronse 18 axudas por este importe máximo; outras 10 por importe de 300 euros; 12 por valor de 194 euros; outras 30 axudas de 114 euros, e 30 bolsas  por importe de 100 euros cada unha. A partida reservada nos orzamentos municipais para estas axudas, que se veu incrementando notablemente nos últimos anos, é de 20.000 euros, completando a cantidade restante as axudas destinadas á compra de material escolar e libros de texto para as familias con menos recursos., este ano cun total de 8 familias beneficiarias.

Nos orzamentos do ano 2017, o goberno municipal apostou por doblar a cantidade destinada a estas axudas, cun aumento do 100% da partida, que pasou de 10.000 a 20.000 euros. “Co ánimo de axudar aos nosos mozos e mozas que se teñen que desplazar para continuar os seus estudos e vendo tamén que Silleda segue aínda fóra da área de transporte metropolitano de Santiago, decidimos apostar por estas axudas”, indica a concelleira Ángela Troitiño.