A Concellería de Educación outorga axudas a 86 estudantes silledenses para o transporte por valor de 17.410 euros

Silleda,  13 de decembro de 2019.  A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Ángela Troitiño, vén de resolver definitivamente a convocatoria das bolsas para o transporte destinadas a  universitarios/as e estudantes de ciclos formativos  que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma.

En total outorgáronse 86 axudas (9 máis que o pasado ano) a outros tantos estudantes, cun importe global de 17.410 euros. Do total de solicitudes (rexistraronse 91) foron rexeitadas 5, por non cumprir os requisitos establecidos nas bases reguladoras.  O expediente aprobouse hoxe na Xunta de Goberno Local e nos vindeiros días, tal e como recollen as bases, publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web municipal o listado de persoas beneficiarias.

As contías das bolsas establecéronse en función da renda familiar, sendo o importe máximo da subvención por beneficiario/a de 420 euros. En total outorgáronse 19 axudas por este importe máximo; outras 5 por importe de 346 euros; 6 por valor de 230 euros; outras 16 axudas de 145 euros, e 40 por importe de 100 euros cada unha. A partida reservada nos orzamentos municipais para estas axudas, que se veu incrementando notablemente nos últimos anos, é de 20.000 euros, completando a cantidade restante as axudas destinadas á compra de material escolar e libros de texto para as familias con menos recursos.

Aumento do 100%

Nos orzamentos do ano 2017, o goberno municipal apostou por doblar a cantidade destinada a estas axudas, cun aumento do 100% da partida, que pasou de 10.000 a 20.000 euros. “Co ánimo de axudar aos nosos mozos e mozas que se teñen que desplazar para continuar os seus estudos e vendo tamén que Silleda quedou fóra da área de transporte metropolitano de Santiago, decidimos apostar por estas axudas”, indica a concelleira Ángela Troitiño. O listado de persoas beneficiarias pode consultarse no seguinte documento adxunto.

Certificado XGL-Concesión bolsas Transporte