A Concellería de Educación presenta aos centros educativos a programación proposta para este trimestre

Silleda, 21 de outubro de 2016.  O Consello Municipal de Educación, entidade que aglutina á comunidade educativa de Silleda, mantivo un novo encontro para abordar distintas propostas e suxerencias.

Ademais da aprobación de actas anteriores, na xuntanza, a responsable municipal do departamento e presidenta do Consello, Pili Peón, presentou aos membros asistentes a proposta de actividades para este trimestre, que se organizarán dende a Concellería de Educación para o alumnado silledense.

Entre as propostas abordadas figuran a organización da mostra fotográfica “África soños e mentiras”, que terá lugar en novembro a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cunha sesión explicativa dirixida ao alumnado, ou o concurso de fotografía e vídeo organizado por esta mesma entidade (baseado na interculturalidade) e que conta cunha categoría xuvenil ( o prazo remata o 15 de novembro).

Tamén se abordou a celebración de obradoiros no Nadal e outras actividades que se irán dando a coñecer nas vindeiras semanas.

Por último, dende a Concellería de Educación recolléronse distintas petición dos centros e colectivos presentes na xuntanza, á que acudiron os directores do IES Pintor Colmeiro, CEIP Ramón de Valenzuela, e membros das Anpas do CEIP de Silleda, Anpa Musiquiños da Escola de Música, e Anpa do María Inmaculada.