A concellería de Normalización Lingüística programa un obradoiro de recursos expresivos os días 29 de outubro e 5 de novembro

Silleda, 27 de setembro de 2016.  A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda vén de programa un obradoiro de recursos expresivos que se impartirá nas xornadas do 29 de outubro e o 5 de novembro. Esta actividade, totalmente gratuita, está dirixida ao público a partir dos 12 anos e será impartida na Casa da Cultura de Silleda en horario de 11.00 a 13.00 horas.

Este obradoiro, incluído no programa Luscofusco ten como obxectivos o fomento da lectura en galego e o traballo coas distintas técnicas de expresión oral.

Ao remate do obradoiro, na xornada do día 5 de novembro, haberá unha lectura pública de textos dramatizados.

O programa Luscofusco é unha das liñas de actuación do departamento municipal de Normalización Lingüística, xunto co denominado Medrando en Galego.

Nel inclúense propostas coma o programa SilledaAgasalla, que voltará polo Nadal, o certame de Microrrelatos ou o de marcapáxinas con motivo do Día das Letras Galegas.

Mentres, no apartado Medrando en Galego, a concellería continúa a repartir as caixas de Aloumiños en galego, para os recén nados no municipio, e ten xa en marcha a proposta Verbas no ar, con animacións e contacontos entre outras actividades.