A Consellería de Cultura e Educación renovará a caldeira do CEIP de Silleda e asinará un convenio co concello para realizar máis reformas no centro

-Manuel Cuíña reuniuse co concelleiro de educación, Román Rodríguez que se comprometeu a investir 50.000 euros para mellorar o servizo de calefacción

-A Unidade Técnica da Xefatura Territorial visitará o CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira para analizar as súas necesidades

Silleda, 8 de abril de 2016.  A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará melloras nas instalación do CEIP de Silleda, entre as que se inclúe un investimento de 50.000 euros na renovación da caldeira de calefacción do centro. Así llo transmitiu esta mañá o titular do departamento educativo da Xunta, Román Rodríguez, ao alcalde do municipio, Manuel Cuíña, nunha reunión mantida na Consellería e na que se acordaron as diferentes reformas a desenvolver nos vindeiros meses.

Neste sentido, acordouse que Consellería e Concello asinarán un convenio de colaboración para a renovación da cuberta do edificio de Infantil do devandito CEIP, con fin de executar de forma conxunta estas obras. Así mesmo, colaborarase para cubrir gretas e realizar traballos de pintura neste centro.

Por outra banda, e atendendo á solicitude do Concello, o conselleiro comprometeuse a enviar á Unidade Técnica da Xefatura Territorial da Consellería na provincia de Pontevedra para analizar as necesidades do CEIP Ramón de Valenzuela (A Bandeira) e avaliar as intervencións que as súas instalacións poidan precisar.

Mosteiro de Carboeiro

Tanto o conselleiro como o alcalde coincidiron na necesidade de velar pola protección e conservación do Mosteiro de Carboeiro. Neste sentido ambos compartiron a idea de avaliar as melloras precisas para o mantemento deste ben e priorizar a súa execución, en función das dispoñibilidades orzamentarias.