A empresa Míguez Xestoso fará as obras de adecuación da nova Escola de Música de Silleda

Silleda, 6 de outubro de 2015. A xunta de goberno local de Silleda adxudicou hoxe á empresa Míguez Xestoso  as obras de acondicionamento na nova sede da Escola de Música, que se situará na primeira planta do antigo edificio de oficinas do recinto feiral, agora de titularidade municipal. A semana pasada solicitáronse tres ofertas licitando os traballos por procedemento negociado. A empresa adxudicataria presentou a mellor das ofertas.

Dende o goberno municipal agárdase que as obras, que suporán unha inversión superior aos 60.000 euros, se inicien nos vindeiros días para poder cumprir os prazos previstos. Así, e segundo as previsións que manexa o executivo local, a nova sede da Escola de Música poderá estar lista para as vacacións do Nadal, tempo que se aproveitaría para realizar o traslado do centro dende as instalación actuais, no edificio da antiga Cámara Agraria.

O prazo de execución das obras é de dous meses dende a firma do contrato.

“Queremos axilizar os prazos ao máximo posible e de feito o estamos a facer xa que o proxecto de adecuación, realizado en base a un estudio acústico encargado polo Concello, se nos entregou hai unha semana e hoxe xa se adxudicaron as obras”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Os traballos previos ás obras de acondicionamento foron iniciados polo Concello de Silleda, con operarios municipal, o pasado mes de xuño. Co derribo de tabiques, retirada de falsos teitos e desmontaxe de lavabos e outro mobiliario.

A estes traballos sumouse tamén o acondicionamento de toda a instalación de electricidade e auga, encargando dende o Concello de Silleda o proxecto de separación de contadores e outros trámites administrativos, cun custe significativo.

Unha vez realizados, no mes de agosto iniciáronse os traballos de campo, por parte dunha empresa especializada do estudio acústico previo ao proxecto de acondicinamento.

As depedencias situaránse na primeira planta do edificio, habilitando unha oficina de administración, dúas aulas (unha de solfeo e outra de música en movemento), zonas e espazos comúns, dous recintos de aseo e un local de ensaio e 170 metros cadrados.

As novas dependencias acondicionaránse seguindo os parámetros do estudo acústico, que marcha as condicións de sonoridade na mellora dos distintos locais.

O traslado da Escola de Música chega logo do histórico acordo entre o Concello de Silleda e a Fundación Semana Verde polo que o antigo edificio das oficinas feirais que acollerá a Escola de Música pasa a ser de titularidade municipal, ao igual que a finca na que se construirá o Centro de Día Residencial de Maiores.