A familia arxentina de Manuel Dopazo visita Silleda para reencontrarse coas raíces do histórico gaiteiro

 

Susana Oller Dopazo, neta do músico nacido en Manduas e filla de Sara, unha dos seus once fillos, entregou ao Concello fotografías do álbum familiar e visitou o auditorio que leva o nome do ilustre músico

Silleda, 20 de maio de 2026. Silleda viviu unha xornada especialmente emotiva coa visita da familia arxentina de Manuel Dopazo Gontade, o recoñecido gaiteiro nado en Manduas que chegou a converterse nun dos grandes referentes da música galega na emigración. Susana Oller Dopazo, neta do músico e filla de Sara, unha dos once fillos que tivo Manuel Dopazo, achegouse ao municipio acompañada de varios membros da súa familia para coñecer de primeira man as raíces silledenses do seu avó.

Na visita participaron tamén a súa filla, María José Calello, bisneta de Manuel Dopazo; Luis Calello, pai de María José e marido de Susana; Pablo Antonini, marido de Susana; e Clara e Camilla Calello, tararanetas do gaiteiro. Todos eles foron recibidos pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e pola concelleira de Cultura, Mónica González.

A familia desprazouse en primeiro lugar ata Medelo, en Manduas, para coñecer o lugar onde naceu Manuel Dopazo, nun encontro de fonda carga simbólica coa terra de orixe do músico. Posteriormente visitaron na Bandeira o auditorio que leva o seu nome, o Auditorio Municipal Manuel Dopazo, onde foron recibidos por integrantes da agrupación Xirandola.

A agrupación silledense sumouse a esta homenaxe interpretando unha das composicións de Manuel Dopazo, un momento especialmente emocionante para a familia, que puido escoitar en Silleda a música creada polo seu devanceiro e conservada ao longo de xeracións.

Durante a visita, Susana Oller Dopazo fixo entrega ao Concello de Silleda de varias fotografías pertencentes ao álbum familiar, un material de gran valor documental e sentimental que permitirá seguir ampliando a memoria arredor da figura de Manuel Dopazo e da súa pegada na historia cultural do municipio.

A alcaldesa, Paula Fernández, agradeceu profundamente este xesto da familia e destacou “a enorme emoción que supón para Silleda recibir aos descendentes de Manuel Dopazo máis dun século despois da súa marcha cara á Arxentina”. Fernández sinalou que “esta visita é unha ponte viva entre Silleda e a emigración, entre a memoria familiar e a memoria colectiva dun pobo que non esquece a quen levou o seu nome e a súa cultura polo mundo”.

A rexedora puxo tamén en valor a entrega das fotografías familiares, “un agasallo de enorme importancia para seguir reconstruíndo e difundindo a historia de Manuel Dopazo, non só como músico, senón tamén como persoa, como emigrante e como símbolo da Galicia exterior”. “Cada imaxe, cada lembranza e cada relato familiar axúdanos a completar a historia dun silledense universal”, engadiu.

Paula Fernández subliñou ademais que Manuel Dopazo “forma parte do patrimonio emocional e cultural de Silleda”. “Foi un gaiteiro excepcional, pero tamén un exemplo desa xeración de galegos e galegas que tiveron que marchar e que, malia a distancia, mantiveron viva a identidade, a lingua, a música e o amor pola terra”, indicou.

A alcaldesa incidiu en que “Silleda ten a responsabilidade de coidar e transmitir este legado ás novas xeracións”. Neste sentido, lembrou que o feito de que A Bandeira conte cun auditorio co seu nome “é tamén unha maneira de manter presente a figura dun músico que conseguiu facer universal o son da gaita galega”.

Un referente da gaita galega na emigración

Manuel Dopazo Gontade naceu o 10 de maio de 1882 na parroquia de Manduas, no concello de Silleda. Fillo de Francisco Dopazo e Dolores Gontade, ambos labregos e naturais da mesma parroquia, aprendeu a tocar a gaita sendo aínda un neno. Con só dez anos, en 1892, presentouse a un concurso de gaitas en Santiago de Compostela, onde obtivo un premio honorífico, e dous anos máis tarde, en 1894, acadou o primeiro premio.

En 1902, con 19 anos, emigrou á Arxentina acompañado da súa moza, Margarita Perfecta Collazo, natural da Bandeira. Xa en Bos Aires, despois duns primeiros días traballando como fregapratos, entrou en contacto cun representante musical que o contratou para actuar polo interior do país, iniciando así unha traxectoria profesional ligada para sempre á gaita.

A súa carreira medrou rápidamente ata converterse nunha das grandes referencias da colectividade galega na Arxentina. Actuou en numerosas entidades galegas, españolas e arxentinas, participou en programas de radio e chegou a tocar en escenarios de enorme relevancia, como o Teatro Colón de Bos Aires. Tamén destacou pola súa faceta como compositor, intérprete e artesán de gaitas.

A dimensión artística de Dopazo foi máis alá dos escenarios musicais. A súa produción foi estudada atendendo á súa discografía, ás súas composicións e tamén á súa filmografía, xa que participou en dúas películas da época de ouro do cine arxentino.

Manuel Dopazo e Margarita Perfecta Collazo casaron en 1906 e tiveron once fillos, algúns deles tamén vencellados á música e ás actuacións do pai. Entre esa descendencia estaba Sara, -que bailaba co grupo de seu pai- nai de Susana Oller Dopazo, a neta que visitou Silleda para reencontrarse coa terra de orixe da familia.

O gaiteiro silledense faleceu en Bos Aires o 28 de abril de 1952, deixando unha fonda pegada na colectividade galega da Arxentina e na historia da música tradicional galega. O seu legado segue vivo tanto na memoria familiar como no recoñecemento público dun concello que continúa reivindicando a figura dun dos seus nomes máis universais.