A Festa da Empanada da Bandeira celebra a súa L edición con pregón do actor Carlos Blanco e catro días de música, gastronomía e tradición

 

  • O Bandeirock abrirá as celebracións o xoves 20 con Rebeliom do Inframundo, Loita Amada e Javi Maneiro como cabezas de cartel
  • Xavier Díaz e as Adufeiras de Salitre, De Vacas e a Banda da Loba, entre outros actuarán o venres na 36 edición do Esmorga Folk
  • A multitudinaria cea de peñas na festa de Interese Turístico Nacional, estará acompañada da verbena con Olympus e París de Noia
  • As bandas de Bandeira, Silleda e Merza serán as protagonistas na xornada do domingo

Silleda, 1 de agosto de 2026. A vila da Bandeira prepárase para celebrar unha edición histórica da súa festa máis emblemática. A L Festa da Empanada, declarada de Interese Turístico Nacional, desenvolverase do xoves 20 ao domingo 23 de agosto próximos cun amplo programa de actividades gastronómicas, musicais, culturais e tradicionais.

A programación foi presentada esta tarde na praza da vila nun acto organizado pola Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, presidida por Manuel Cuiña. Na presentación participaron tamén a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández; a directora de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, Romina Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en nome da Xunta de Galicia.

O acto serviu para descubrir os carteis desta edición e para realizar un percorrido pola historia da celebración, coa exposición dos carteis das cincuenta edicións da Festa da Empanada. Unha mostra que permite comprobar a evolución gráfica, cultural e festiva dunha cita que forma parte da identidade da Bandeira e que cada ano atrae milleiros de persoas.

O cartel principal da L edición foi creado pola artista silledense Tania Cuiña, que reinterpreta unha das imaxes máis recoñecibles da Capela Sixtina: A creación de Adán, de Miguel Anxo. Na composición, a empanada convértese no elemento que une as dúas mans, nunha homenaxe artística, orixinal e simbólica ao prato arredor do que naceu a festa.

Durante a presentación, Manuel Cuiña agradeceu o apoio das administracións públicas, das empresas patrocinadoras, do tecido comercial, das asociacións, das persoas socias e de toda a veciñanza que colabora na organización. O presidente de Amigos da Empanada destacou especialmente o traballo colectivo realizado ao longo de medio século para facer medrar unha celebración que hoxe conta co máximo recoñecemento turístico estatal.

Asi mesmo, en nome da Xunta de Galicia, que apoia económicamente a celebración, cun convenio entre o Concello e a  Axencia de Turismo polo que se aportan (incluída a achega de Abanca) 30.000 euros, puxo en valor «o carácter único da celebración da Bandeira».

En nome da Deputación de Pontevedra, a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, tamén destacou o pulo que supón para a empanada sumarse ao listado de Festas de Interese Turístico Nacional. Neste senso, o organismo provincial súmase aos apoios institucionais tamén con 7.000 euros via convenio co Concello.

Carlos Blanco, pregoeiro da L edición

O actor, humorista, autor e director galego Carlos Blanco será o encargado de pronunciar o pregón da Festa da Empanada o sábado 22 de agosto. Cunha ampla traxectoria no teatro, no cinema, na radio e na televisión, Blanco é un dos rostros máis populares da escena galega, coñecido tamén pola súa faceta como monologuista e pola súa participación en producións como Mareas Vivas ou Fariña.

O acto central da L edición comezará ás 18.00 horas e estará presentado por Cristina Collazo e Josito Porto. Contará coa actuación da Asociación Cultural Xirandola, o tradicional concurso de empanadas, o pregón de Carlos Blanco e a posterior poxa das pezas premiadas, que volverá estar conducida por Pepe Ayude.

As empanadas participantes no concurso poderán entregarse a partir das 16.00 horas. Un xurado profesional valorará as propostas presentadas nas categorías afeccionada e profesional, tendo en conta aspectos como o sabor, a presentación e a orixinalidade.

A xornada continuará ás 22.00 horas coa tradicional e multitudinaria cea de peñas, amenizada por Leña Verde e Os Atrevidos. A partir da medianoite, a verbena correrá a cargo das orquestras Olympus e París de Noia no entorno da carballeira.

A ruta da empanadilla e o  Bandeirock abren a programación

As celebracións na vila comezarán o xoves 20 de agosto ás 18.00 horas coa XIV Ruta da Empanadilla polos bares da vila, amenizada pola charanga local Os Gominolas.

Ás 20.30 horas, a Carballeira da Pomba acollerá a 24ª edición do Bandeirock, un festival con entrada de balde que reunirá propostas destacadas do rock, o rap e a música alternativa galega.

O cartel estará integrado por A Banda no Rock, -concerto didactico da compañía local A Cova das Letras con Cristina Collazo Josito Porto e a Banda da Bandeira-  Rebeliom do Inframundo, Arrhythmia, Loita Amada, Javi Maneiro, (estes dous últimos a través do programa Máis Música) Marela e Storrentos. Rebeliom do Inframundo levará á Bandeira o seu rap combativo en galego, mesturado con electrónica, rock e elementos da música tradicional, mentres Arrhythmia achegará a potencia do seu metal alternativo.

A presenza de Javi Maneiro, unha das voces máis recoñecibles do rock galego, de Loita Amada co seu rock comprometido e e do grupo local Marela reforza unha programación que combina nomes consolidados con formacións vinculadas á escena musical máis próxima.

O Esmorga Folk chega á súa XXXVI edición

O venres 21 de agosto estará dedicado á música de raíz. A programación comezará ás 17.00 horas con xogos tradicionais a cargo de Sororas e continuará ás 18.00 horas co XII Campionato de Tiro á Corda, que se celebrará na rúa Xeral.

A partir das 20.30 horas, a Carballeira da Pomba converterase no escenario da XXXVI edición do Esmorga Folk, un dos encontros máis veteranos e recoñecidos da música tradicional galega.

O cartel reúne a Cantos da Terra, A Banda da Loba, De Vacas, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, L.A.W., Mediarea e As Estraloqueiras.

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre chegarán cunha proposta que parte da música tradicional e da percusión para explorar novas sonoridades. A Banda da Loba presentará o seu universo musical e poético, cunha proposta que mestura pop, folk e letras comprometidas. Pola súa banda, De Vacas achegará as súas características versións en galego, marcadas polo humor, as harmonías vocais e unha posta en escena teatral e reivindicativa.

Tradición e música de banda para pechar as festas

O sábado 22, antes dos actos centrais da Festa da Empanada, celebrarase ás 12.00 horas a misa e procesión. Ás 13.00 horas terá lugar o concerto da Banda de Veteranos da Bandeira.

O domingo 23 estará dedicado especialmente ás bandas de música. Ás 11.30 horas haberá pasarrúas a cargo da Banda de Música Municipal de Silleda e da Banda Artística de Merza. Ás 12.00 horas celebrarase a misa cantada polo Coro Vales Mahía e, ás 13.00 horas, ambas as formacións ofrecerán un concerto.

A programación rematará ás 20.00 horas cun concerto conxunto da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, a Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda Artística de Merza. Á medianoite, unha sesión de fogos de artificio porá o punto final aos catro días de celebración.

A alcaldesa, Paula Fernández, destacou durante a presentación “a enorme dimensión cultural, social, turística e económica dunha festa construída durante cincuenta edicións grazas ao traballo de moitas xeracións”.

“Falamos dunha celebración que identifica á Bandeira e a todo o municipio de Silleda, que proxecta a nosa gastronomía e que soubo medrar sen perder a súa esencia. Esta L edición é unha oportunidade para recoñecer ás persoas que fixeron posible este camiño e para seguir mirando ao futuro”, sinalou.

Fernández reiterou o apoio do Concello á Asociación Amigos da Empanada e agradeceu o esforzo realizado para ofrecer unha programación “ambiciosa, diversa e aberta a todos os públicos”, arredor dunha festa que combina gastronomía, cultura e tradición.