A II Feira Gastronómica do Porco repartirá os días 9 e 10 de decembro 17 variedades culinarias

Silleda, 22 de novembro de 2017.  Os vindeiros 9 e 10 de decembro celebrase en Silleda a II Festa Gastronómica do Porco e II Feira de Artesanía, organizadas pola asociación IdeaSilleda. O colectivo presentou hoxe o programa festivo, acompañados polo alcalde, Manuel Cuiña, e polos dous actores e humoristas que presentarán a celebración o vindeiro sábado día 9, Marcos Pereiro e Pepo Suevos.

Durante os dous días poderán degustarse nas carpas da rúa Pintor Colmeiro ata 17 variedades distintas de porco, tres máis que na existosa primeira edición. Así, servirase morro, lingua, patas, rabo, panceta cocida, panceta á plancha, costela cocida e á plancha, empanada de chourizo e panceta, lacón cocido, xamón curado, chourizo, chourizo de cebola, cacheira, orella, raxo, pataca e verza e empanada de raxo. O público, que poderá ver cómo se preparan os pratos en vivo, poderá degustar as racións por prezos que oscilan entre os 3 e 4 euros.

O presidente da asociación organizadora explicou que o certame gastronómico se complementará , á vista do éxito da primeira edición, cunha feira de artesanía na que xa están inscritos 30 artesáns.

A feira abrirá o sábado de 11:00 a 00:00 horas e o domingo ata as 18:00 horas. Os gaiteiros Pau de buxo animarán a primeira xornada pola mañá e pola tarde actuará o Grupo PD2. Tamén estarán presentes cantantes das orquestras Panorama, Paris de Noia e Marbella, formacións que esa noite actúan no Closing Tour que terá lugar na Semana Verde.

O domingo día 10, data en que se conmemora tamén a patroa de Silleda, Santa Olaia, (a asociación asumiu tamén a celebración desta festa) animarán a xornada Os Sin Son Ghaiteiros, PK2 e e a Banda Xuvenil de Silleda.

Os dous pregoeiros, que toman o relevo de Touriñán, amosaron a súa satisfacción por estar en Silleda nesta cita.

Pola súa banda o alcalde, Manuel Cuiña, agradeceu o traballo da organización e resaltou o éxito da primeira edición da cita gastronómica.