A III Kedada Solidaria de BTT de Silleda terá lugar o próximo 20 de marzo

-Este ano, haberá dúas rutas, de 42 e 36 kms., que comezarán no pavillón municipal de Silleda e pasarán pola Fervenza do Toxa e o mosteiro de Carboeiro, entre outros

-Como cada ano, os participantes entregarán alimentos ao programa municipal Silleda Solidaria

Silleda, 25 de febreiro de 2016. O Clube BTT Trasdeza, en colaboración co Concello de Silleda ven de presentar a III Kedada Solidaria en BTT, actividade que terá lugar o vindeiro domingo día 20 de marzo. A cita partirá do campo de fútbol do Outeiriño de Silleda, ás 09.30 e contará cun percorrido de aproximadamente 45 kilómetros, de dificultade media-alta, tendo como novidade este ano unha ruta alternativa de 36 kms. co fin de unificar as chegadas.

O traxecto discorrerá por enclaves naturais como a Fervenza do Toxa, o mosteiro de Carboeiro, ou o roteiro do baixo Deza, que comeza na parroquia de Abades.

Están previstos tres avituallamentos.

Cada un dos participantes da kedada entregará un quilo de alimentos non perecedoiros, que a organización doará, coma en anos anteriores, integramente ó Banco de Alimentos do Programa Municipal Silleda Solidaria, e tamén deberá aportar 5€ en concepto de inscrición.

A recollida de dorsais previa á ruta poderase facer no pavillón municipal César González Fares de Silleda ese mesmo día ás 08:15. Tamén nese mesmo emprazamento contarase con duchas, parquin, e lavado de bicicletas ao remate da proba.

As persoas que desexen participar poden anotarse ata o vindeiro día 16 de marzo, na páxina web www.rgbikes.com, ou de forma manual na tenda RG Bikes de Silleda. Por motivos de organización, limitase a inscrición a 300 persoas.

Unha vez rematada a kedada, os participantes poderán degustar productos típicos da zona: lacón, empanada, e rosquillas.

A ruta está organizada polo colectivo BTT Trasdeza, creado hai tres  anos e que  conta socios que veñen participando os domingos en distintas saídas polo territorio silledense.

Dende a organización quere agradecerse a colaboración e apoio das firmas colaboradoras, así como dos participantes que colaboran ano tras ano nesta iniciativa.

Así mesmo, dende o Concello o alcalde, Manuel Cuiña, reitera o agradecemento aos organizadores e patrocinadores “por continuar apostando, por esta cita que une deporte e solidariedade, contribuíndo a axudar a moitas familias de Silleda co aumento de fondos do Banco de Alimentos”, engade.