A IV Xuntanza de Música Tradicional reúne en Silleda o sábado 17 a doce agrupacións

Silleda, 10 de maio de 2014. Hoxe tivo lugar a presentación da cuarta edición da Xuntanza de Música Tradicional do Concello de Silleda, que se celebrará o vindeiro sábado día 17 no salón de actos da Casa da Cultura de Silleda ás 17.00 horas.

Este certame, que naceu por iniciativa propia dos músicos locais, reunirá a un total de 12 agrupacións silledenses, e un grupo convidado. Na cita actuarán: Aires do Trasdeza, do Colexio Pluriglíngüe María Inmaculada; Gaiteiros da Pereiriña, de Ansemil-Martixe; Grupo de Acordeóns da Escola de Música Municipal de Silleda; Pandereteiras A Saleta, de Siador; Grupo de Gaitas da Escola de Música Municipal de Silleda; O Son da Fervenza, de Escuadro; Grupo de Gaitas Carqueixas; Grupo de Baile Xirandola, da Bandeira; Pandereteiras Almunia, de Escuadro; Pau de Buxo, de Saídres; Pandereteiras de Parada, que se estrean por primeira vez ante o público; Os Sin Son Ghaiteiros e como grupo convidado Voces da Nosa Terra, de Vila de Cruces.

A cita estará presentada por Aurora Cañizares, veciña de Pontevedra, amante da música tradicional e voz tamén da Banda de Gaitas de Forcarei.

Na presentación Rocío Mosquera González, unha das integrantes da organización, explicou que a cita naceu con vocación de xuntar aos grupos do municipio “para facer unha xornada de foliada bonita”. Tamén sinalou que se propuxo á Concellería de Cultura establecer unha  data fixa para o certame, facendoa coincidir co Día das Letras Galegas (ou o sábado máis próximo ao 17 de maio). A primeira cita tivo lugar en decembro e as dúas restantes na xornada do día de Reis.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Margarita Campos, sinalou que dende o Concello se seguriá apostando pola cita e destacou a ampla representación que ten Silleda no ámbito da música tradicional, “con grupos de calidade que deixan o nome do noso Concello ben alto alí onde actúan”, engade.

Tamén destacou que este certame aposta grupos de nova formación, ademais de amosar, “de cara á época estival, con máis volume de festas e celebracións” os novos repertorios. Margarita Campos deu ademais a noraboa a organización e animou aos veciños e veciñas a asistir o vindeiro sábado a esta mostra musical, con música e baile tradicionais, na que cada grupo interpretará dúas pezas.

Na presentación participou tamén Manuel Fernández Alén, membro da organización xunto con Rocío Mosquera e Juan Manuel Vidueiros.