A mostra Silleda no século XIX recibiu xa 250 visitas nos dez primeiros días

Silleda, 18 de xuño de 2014. A mostra Silleda no século XIX, que se inaugurou o pasado día 7 de xuño na Casa da Cultura de Silleda, recibiu xa 250 visitas nos dez primeiros días, figurando entre eles tamén 11 peregrinos procedentes de países como Canadá, Bélxica ou Alemania, entre outros.

Estes datos dan conta do éxito da mostra, que conta con tres ámbitos de exposición: sala civil, sala de arte sacro e sala da Saleta. A mostra estará aberta ata o 13 de xullo todos os días (incluídos sábados e domingos) en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Todos aqueles grupos, asociacións ou colectivos que desexen achegarse para realizar unha visita guiada, de xeito totalmente gratuito, poden informarse na Casa da Cultura (986 581028). En xeral, a mostra está formada por obxectos únicos que posiblemente non se volverán a ver xuntos nunha mostra aberta ao público. Ademais de elementos de propiedade privada hai outros titularidade do Concello e no caso da sala de arte sacra, imaxes e outros donados por varias parroquias silledenses, ás que dende  a organización se lles agradece a súa colaboración con esta mostra, que xurdiu a raíz da celebración do 150 aniversario do santuario da Saleta. Dada a valía das pezas a mostra contará cun completo sistema de seguridade.

Na sala civil destacan, entre outros, unha placa feita polo Marques de Sargadelos, das que só hai tres exemplares en toda España, e que foi donada polo seu autor ao rei Fernando VII durante a guerra da Independencia. Tamén figura un gravado orixinal do mosteiro de Carboeiro, obra de Castro Gil, considerado o mellor gravador de todos os tempos e que traballou para o Banco de España na súa época; así como documentos orixinais de 1853 cos selos dos Alcaldes de Silleda e Chapa. Na sala de arte sacra, entre as 15 imaxes de diferentes parroquias, destaca unha da Virxe do Leite da parroquia de Negreiros, a máis antiga das expostas, en madeira policromada e que data do ano 1400.

Na sala adicada á Saleta tamén figuran, entre outros, dous relicarios con fragmentos da pedra onde se di que apareceu a Virxe en La Salette, Francia. Fotografías, chaves, misais… e outros obxectos curiosos completan esta retrospectiva sobre Trasdeza.

Todas as pezas forman parte do catálogo da mostra, que nas súas 120 páxinas detalla cada unha delas, e que está a venda por 10 euros.

Hoxe, visita do colexio María Inmaculada

Hoxe precisamente achegáronse ata a mostra os alumnos/as de  Primeiro, Segundo, Terceiro e Cuarto da ESO do Colexio Plurilingüe María Inmaculada, que logo dunha explicación didáctica sobre a mostra e o seu significado percorreron as diferentes salas coñecendo un pouco máis da historia do municipio.