A obra de peche das pistas de pádel de O Castro comezará a fin de mes

-O Concello de Silleda ven de resolver a adxudicación das obras á empresa Endenor Mantenimiento y Servicios, S.L.

Silleda, 18 de maio de 2016.  A Xunta de Goberno Local de Silleda aprobou na súa última sesión, celebrada o pasado día 10, a adxudicación do contrato menor de obras para o cerramento das fachadas das pistas municipais de pádel, situadas en O Castro.

Logo da convocatoria enviada a tres empresas para que presentaran as súas ofertas, ao tratarse dun contrato de obras de menor contía, escolleuse á empresa Endenor Mantenimiento y Servicios, S.L., ao presentar ésta a oferta máis vantaxosa, por un importe de 39.796,60 euros, IVE engadido.

As obras, que empezarán nun prazo de dúas semanas e terán unha duración estimada de 55 días, consistirán no peche lateral das dúas pistas de pádel cun muro de fábrica de bloque prefabricado de formigón armado, ata unha altura de 3,40 metros, e a continuación unha placa de polipropileno polas fachadas este, oeste, e norte, de 1,40 metros. Finalmente prevese a colocación dunha prancha de aceiro pre-lacado.

Cabe destacar que para esta actuación ao Concello de Silleda ven de concedérselle unha subvención de Vicepresidencia para a creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o presente ano, co-financiadas polo Feader, e consistentes no 80% do orzamento elixible do proxecto, financiándose o resto con cargo a fondos municipais.