A parroquia de Cira comeza o día 21 de novembro unha nova edición da Semana Cultural, a máis veterana do municipio

Silleda, 16 de novembro de 2013. A parroquia silledense de Cira inicia o vindeiro xoves a súa Semana Cultural. O ciclo ábrese nesa mesma xornada, a do xoves 21, co espectáculo “Gravidade Cero”, a cargo do Mago Toño, no local social ás 20.00 horas. A maxia dará paso ao humor o venres día 22, co monólogo a cargo do humorista Padre Merino e o seu espectáculo A.M.E.N. (Accións Misioneiras Evanxélicas Nocturnas). A cita será neste caso ás 20.30 horas.

Xa o sábado 23, como remate celebrarase a partir das 22.00 horas unha cea de confraternidade no local social. O menú consta de empanada, polbo, churrasco, postre e café, cun prezo de 18 euros. Para asistir hai que reservar na taberna de Maruja González ou ben facelo a través da Comisión de Festas. A sesión baile posterior estará amenizada polo dúo Azahara.

A cita está organizada pola Comisión de Festexos de Cira e a Concellería de Cultura, que dirixe Margarita Campos, e que lembra que a Semana Cultural de Cira foi pioneira no rural de Silleda. A día de hoxe esta iniciativa é a máis veterana, con máis de 30 anos de traxectoria.