A parroquia de Cira conta con máis de 270.000 metro adicados o cultivo de hortofloral, de froita e viño

 

Silleda, 8 de decembro de 2012. A Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural de Silleda, que dirixe Antonio Couso, está á espera da resolución da axuda para o proxecto de mellora e acondicionamento na zona de baño da parroquia de Cira. Esta iniciativa presentouse á convocatoria de subvencións para a concesión  de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2012, 2013 e 2014.

O obxectivo é a mellora da paisaxe e o mantemento das condicións ambientais, así como a recuperación de especies históricamente relacionadas coa actividade agraria en zonas da Rede Natura 2000. Con esta actuación tamén se busca a posta en valor de elementos históricos, patrimoniais ou culturais que sexan representativos da paisaxe agraria tradicional.

O proxecto realizado dende o Concello de Silleda, cun custe de 19.976 euros,  busca mellorar a paisaxe agraria e desenvolver usos recreativos en Cira, unha parroquia que suma 16 explotacións agrícolas cun total de 217.620 m2  de superficie adicada a terreos produtivos (ao aire libre e en invernadoiros) que poderían beneficiarse con esta proposta.

            Nesta zona que forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza contabilízanse un 60 invernadoiros localizados preferentemente no val de Cira, zona baixa situada a 80 metros sobre o nivel do mar, aínda que tamén existen no lugar do Curro, na zona alta da parroquia preto da igrexa de Santa Baia.

 

            Estas estruturas están destinadas fundamentalmente á produción de flor e de legumes, do tipo da xudía. A xudía, en concreto a plana, está considerada nos mercados de abastos de Santiago como de primeira calidade, con denominación de procedencia que a distingue das demais. O tomate, a leituga , acelgas, e as fresas son outros exemplos da variada e rica producción e comercialización dende esta localidade silledense.

Segundo os datos recabados para reforzar a solicitude da subvención, en Cira destaca tamén a produción de froita, grazas ao clima benigno, moi apto para cultivos hortofrutícolas. A mazá Golden de Cira, das explotacións do Pazo de Paizás e do Castelo  é coñecida en cidades coma Madrid. Nestes momentos  estas empresas asociadas en forma de cooperativa  destinan a esta produción máis  de 150.000 m2 de terreo.

No tocante aos cultivos de flor, en Cira son especialistas en flor cortada e destacan pola súa calidade o caravel e caravel pequeno, a xerbeira  e o lilium, aínda que tamén se cultivan outras variedades que ata non hai moito eran exclusivas de Holanda.

A parroquia está tamén incluida na Denominación de Orixe Rias Baixas . Dende o ano 2000 e gracias aos esforzos de Castro Brey nativo de Cira,  a zona de Cira, Gres, Ledesma pasou a incorporarse dentro da Denomiación de Orixe Rias Baixas, como integrante da subzona do Ulla. Como publicita unha coñecida marca de Alvariño da Comarca, trátase dun Val Térmico, situado na ribeira do rio Ulla con solos derivados de sustratos graníticos cun suave clima  atlántico cuxo resultado  é un viño único e inigualable. Neste momento Cira está protagonizando unha evolución cara a este tipo de economía potenciando a plantación de cepas desta variedade tan apreciada no mundo vitivinícola.

 

No censo elaborado para a realización do proxecto de dinamización de Cira, xa destaca a existencia de máis 5.000m2  de terreo adicado a estas viñas nos lugares de Rendo e O Candao.

 

Ademais dos distintos cultivos, a localidade silledense conta con coutos de esca de Salmón e elementos do patrimonio histórico-artístico  coma o castelo, fundado no S. XII por Bernardo Xoan de Deza e posteriormente feudo da Raiña Dona Urraca e o Conde de Altamira; o Pazo de Paizás, e casas solaregas.

A parroquia tamén conta cun establecemento de turismo rural (Casa Iglesias), situada no propio val , xusto no lugar de Rendo entre as flores, legumes e frutais,  dos campos veciños e a 500 metros da Xunta dos ríos Deza e Ulla. Conta cunha capacidade para 7 persoas e alúgase completa

 

Sinalización, área recreativa e centro de interpretación

As actuacións concretas que recolle o proxecto inclúen o acondicionamento e sinalización da zona de baño de Cira, coñecida como Xunta dos Ríos (por confluir aquí o Ulla e o Deza); a creación dunha área recreativa con equipamento axeitado; acondicionamento dun miradoiro na Xunta dos Rios; creación dun sendeiro pola contorna, co dedido acondicionamento e sinalización.; e a dotación dun centro de interpretación no centro social da parroquia.       

A zona onde promove a actuación a Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural atópase  na parte fonda e llana da parroquia de Cira, a tan só 67 metros sobre o nivel do mar, delimitada polos ríos Ulla e Deza. Ten unhas dimensións aproximadas de 1,10 km en sentido Norte e 1,3 km en sentido leste-oeste.  Figura recollida na Rede Natura 2000, como Lugar de Interese Comunitario (LIC) do Sistema  Fluvial Ulla-Deza.

O obxectivo da actuación promovida pola Concellería silledense pasa por potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión ao desenvolvemento do territorio rural do municipio. Tamén se pretende preservar os ecosistemas de alto valor natural e protexer en cada zona o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.