A plantación da nova arborización da Avenida do Parque continuará mañá con novos exemplares de gran porte

 

  • Hoxe quedaron xa instalados dous Acer e cinco Liquidambar, e mañá volverá cortarse o acceso dende a rúa Xeral para completar os traballos

Silleda, 14 de abril de 2026.- O Concello de Silleda continúa avanzando na renovación do arborado da Avenida do Parque coa plantación dos novos exemplares previstos dentro desta actuación de mellora paisaxística e ambiental.

Na xornada de hoxe quedaron xa plantados dous exemplares de Acer de gran porte, concretamente un Seiryu e un Sango-kaku, no primeiro tramo da avenida. Ademais, no seguinte tramo da rúa foron instalados tamén cinco exemplares de Liquidambar Globosum, continuando así o desenvolvemento dun proxecto co que se pretende dotar a este espazo urbano dunha nova identidade verde, con especies de gran valor ornamental e ambiental.

Os traballos proseguirán mañá mércores coa chegada a primeira hora da mañá dun novo comboi de transporte especial co resto dos exemplares previstos. O operativo será similar ao desenvolvido nestas últimas horas, xa que esta tarde realizaranse os labores de levantamento e carga das árbores que serán trasladadas ata Silleda para ser plantadas mañá.

Deste xeito, na xornada de mañá completarase a plantación dos dous Acer restantes previstos para o primeiro tramo da Avenida do Parque, aos que se sumarán outros cinco exemplares de Liquidambar Globosum no seguinte tramo da vía, completando así a plantación prevista para esta área que se suma a outros exemplares xa estistentes.

Tal e como se informou xa a pasada semana, o proxecto contempla a instalación de catro Acer de gran porte, cunha media de idade de arredor de 18 anos, perímetros de entre 60 e 80 centímetros e copas que nalgúns casos acadan ata os 7 metros de anchura, así como 10 Liquidambar Globosum para reforzar a continuidade do arborado nesta contorna urbana

Con motivo destes traballos, mañá volverá cortarse o acceso á Avenida do Parque dende a rúa Xeral, polo que dende o Concello solicítase novamente a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras mentres se desenvolvan as tarefas de descarga, colocación e plantación dos exemplares. Onte xa se advertira de que este operativo requiría restricións de tráfico pola chegada en comboi especial das árbores, dada a súa envergadura

A actuación en marcha vén confirmar a aposta do Concello por substituír o arborado retirado por novos exemplares de gran porte, con especies adaptadas ao entorno urbano e chamadas a achegar sombra, calidade paisaxística, valor ambiental e unha renovada imaxe para un dos espazos máis representativos do núcleo urbano.