A praza da Igrexa de Silleda acolle o 18 de maio a cita con Libros na rúa, coa venda de exemplares usados por 1 euro

Silleda, 28 de abril de 2015. O vindeiro día 18 de maio celebrarase en Silleda un mercadiño solidario de libros. Baixo o lema Libros na rúa poñeranse á venda exemplares de segunda man a un prezo unitario de 1 euro. A cita, enmarcada no programa das Letras, está organizada dende a Concellería de Educación, que dirixe Pili Peón, e conta con unha dobre vertente.

Así, ademais de ser unha aposta educativa e relacionada coa promoción da lectura tamén terá un carácter solidario, xa que a totalidade da recadación se destinará ao programa municipal Silleda Solidaria, que atende ás familias con menos recursos.

O certame terá lugar na praza da Igrexa de Silleda, en horario en de 11.00 a 21.00 horas.

A concelleira Pili Peón mantivo hoxe un encontro con representantes dos centros educativos e das Asociacións de Pais e Nais.

A día de hoxe xa está confirmada a participación do CEIP Ramón de Valenzuela, IES Pintor Colmeiro e da Ampa do CEIP de Silleda.

Actividades durante a xornada

Ademais da venda de libros, tamén se celebrarán actividades ao longo da xornada. Así está previsto que teña lugar unha sesión de contacontos e un obradoiro de marcapáxinas.

Pilar Peón sinala que os libros se recollerán nos propios centros e o Concello se encargará da instalación das haimas na praza silledense.

Están confirmadas tamén doazóns de libros por parte da Biblioteca Municipal e da Asociación Avanza Trasdeza.

Dende o goberno municipal agradécese a implicación dos centros e das Anpas nesta cita “coa que ademais de fomentar a lectura entre os máis novos, estamos a axudar a moitas familias que o precisan”. Tamén se anima ao público a secundar a proposta de Libros  na rúa acudindo nesta xornada a mercar libros.