A programación do Entroido en Silleda, cos Xenerais da Ulla e os Baldréus como protagonistas, arranca esta fin de semana en Lamela

-O tradicional Entroido da Ulla volverá a contar cos destacamentos de Lamela e da Bandeira. ECOS volta a organizar os Carnabares, dende o venres día 9, e en Silleda repítese o Domingo de Baldréus trala exitosa estrea do ano pasado, da man de SIC Iniciativas Culturais.

– Un Obradoiro para a rapazada o mércores 14, as festas infantís de Vista Alegre e Silleda e o Entroido de Namorar no Centro Social dos Maiores o venres 16 completan o programa.

Silleda, 30 de xaneiro de 2024. A celebración do Entroido volta ao municipio de Silleda nas vindeiras semanas con novas propostas e o xa tradicional entroido da Ulla con tropas que se seguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia dende hai xa unha década. Membros dos distintos colectivos organizadores presentaron hoxe xunto ca alcaldesa, Paula Fernández, a concelleira de Cultura, Mónica González, e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, a ampla programación deste ano no municipio.

A programación contará con distintas celebracións nas que non faltarán actividades musicais, gastronómicas, sesións infantís…

A primeira das citas será este sábado día 3 en Lamela, onde a Asociación Anxela organiza o Alto dos Xenerais no campo da festa ás 17:30 horas. De forma previa, ás 16:00 horas, partirá o desfile dende Barravaite con premios aos mellores disfraces. A velada estará amenizada por DJ Houses.

Na fin de semana grande do Entroido, A Bandeira e Silleda concentrarán as actividades da programación.

Vellada, cabezudos e Alto dos Xenerais

O venres 9 volta a Vellada e Filloada ás rúas da Bandeira, con percorrido polos bares acompañado das actuacións de Punteirolo e a Charanga Mocidade da Bandeira.  O día grande será o sábado 10, onde xa pola mañá desfilarán polas rúas os xigantes e cabezudos (de 11:00 a 12:00 h), dende o Centro Cultural Vista Alegre ata as inmediacións da praza da vila.

Ás 15:30 horas comezarán as inscricións para as comparsas e carrozas, que partirán no desfile encabezados polos Xenerais da Bandeira, dende a praza Vales Mahía ás 16:00 horas.

Ao remate do desfile, as celebracións trasladaranse a unha parcela na rúa Lourás (detrás da Plazoleta), nas inmediacións da praza do Entroido, que se atopa en obras. Alí, o Alto Infantil cos xenerais do CEIP Ramón de Valenzuela  abrirá ás 17:30 h a agardada batalla dialéctica das tropas do entroido, co Alto dos Xenerais.

A partir das 20:00 horas terá lugar o baile de disfraces na mesma localización, amenizado polo grupo Leite con Jalletas, ao que seguirán a charanga BB+, DJ Juli e DJ Calwin.

As actividades están organizadas dende a Asociación dos Xenerais do Entroido da Bandeira. Durante a velada entregaranse tamén os premios aos mellores grupos, comparsas e disfraces.

Concurso nos CarnaBares

Tamén dende o venres 9  e ata o martes de Entroido os locais de hostalería servirán tapas típicas de entroido tanto en Silleda como na Bandeira, coa iniciativa de ECOS CarnaBares, que acada xa a súa terceira edición. Ademais, con CarnaBares actívase un concurso de disfraces que repartirá máis de 1.100 euros en premios consistentes en vales para mercar no comercio e a hostalería local, aportados polo Concello de Silleda, e que se estenderá durante todos os días de Entroido.

Para participar neste concurso, o público debe facer unha fotografía nos establecementos que participan en “Carnabares” e subila á rede social Instagram co hashtag #carnabares24. Os premios concederanse ás propostas que reciban máis votos do público. O venres 9 animarán  as rúas de Silleda a charanga Charandonga e o grupo Argalleiros, a partir das 21:00 horas.

Domingo de Baldréus con xantar en Silleda e bailes infantís

O día 11, domingo de Entroido, a vila de Silleda será a protagonista co domingo de Baldréus, unha iniciativa que se estreou con gran éxito en 2023 da man do colectivo SIC Iniciativas Culturais.

A xornada comezará ás 13:00 horas co Vermú de Mandís, amenizada por Fanfarria Furruxa. Ás 15:00 horas, chega “Diantre de grella”, un xantar popular na carpa que se instalará na praza Juan Salgueiro. Pola tarde, na sobremesa haberá a Poxa da salazón, con poxa de pezas do porco, e a partir das 17:30 horas chegará o pasarrúas dos Baldréus, unha figura que nace con vontade de crear unha representación propia na vila de Silleda e o Demo de Carboeiro e que este ano estreará novas figuras. Non faltará de novo na carpa a “Merencea Endemoñada” e o remate musical no que estarán Señora DJ e DJ Calwin.

O luns de Entroido volta a tradicional festa infantil da Asociación Cultural Vista Alegre da Bandeira, a partir das 17:00 horas, no que este ano a maxia será protagonista da man do Mago Deimi.

A programación do Entroido no municipio de Silleda seguirá o martes de Entroido, día 13, cunha festa infantil organizada polo Concello que se celebrará tamén na carpa da praza Juan Salgueiro, con xogos tradicionais e disco móbil infantil.

O mércores de Cinza, ás 17:00 horas tamén se celebrará un Obradoiro de Entroido para a rapazada, co estampado das figuras dos Xenerais da Ulla e dos Baldréus.

Dende o Concello de Silleda, que colabora con todas as actividades, a alcaldesa, Paula Fernández, destaca o traballo realizado polos colectivos que participan na organización deste programa, “e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade, ademais de agradecer a colaboración de empresas patrocinadoras, colaboradores  e dos colectivos que organizan todas estas celebracións.

Á presentación asistiron representantes de todos os colectivos que conforman a programación do Entroido de Silleda 2024.