A celebración do Entroido volta ao municipio de Silleda nas vindeiras semanas con novas propostas e o xa tradicional entroido da Ulla con tropas que se seguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia dende hai máis dunha década. Membros dos distintos colectivos organizadores presentaron hoxe xunto ca alcaldesa, Paula Fernández, a concelleira de Cultura, Mónica González, a concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, a ampla programación deste ano no municipio.
A programación contará con distintas celebracións nas que que non faltarán actividades musicais, gastronómicas, sesións infantís…
A primeira das citas será o vindeiro sábado 22 de febreiro en Lamela, onde a Asociación Anxela organiza o Alto dos Xenerais no campo da festa ás 17:30 horas. De forma previa, ás 16:30 horas, partirá o desfile dende Barravaite con premios aos mellores disfraces. A velada estará amenizada por DJ Calwin.
O xoves 27 de febreiro chega o Entroido de namorar no Centro Social dos Maiores de Bandeira a partir das 18:00h, con inscricións abertas ata o 23 de febreiro.
Na fin de semana grande do Entroido, A Bandeira e Silleda concentrarán as actividades da programación.
Cabezudos, Vellada, Carnabares e Alto dos Xenerais
O venres 28 de febreiro, os cabezudos adiántase este ano saíndo á Praza Juan Salgueiro de Bandeira ás 18:00h e acto seguido terá lugar a partir das 18:30h o acto de inauguración do entroido con Cristina Collazo e as nenas e nenos da Escola de Xenerais. Ás 20:00 horas volta a Vellada ás rúas da Bandeira, con percorrido polos bares acompañado das actuacións dun grupo de foliada e a Charanga Mocidade da Bandeira.
Tamén dende este día e ata o martes de Entroido os locais de hostalería de Silleda servirán tapas típicas de entroido, coa iniciativa de ECOS CarnaBares, que acada xa a súa cuarta edición. Ademais, con CarnaBares actívase un concurso de disfraces que repartirá máis de 1.100 euros en premios consistentes en vales para mercar no comercio e a hostalería local, aportados polo Concello de Silleda, e que se extenderá durante todos os días de Entroido.
Para participar neste concurso, o público debe facer unha fotografía nos establecementos que participan en “Carnabares” e subila á rede social Instagram co hashtag #carnabares25. Animarán as rúas de Silleda o venres 28 a partir das 21:30 horas as charangas Varacuncas e MIL9.
Na Bandeira, o día grande será o sábado 1 de marzo, onde ás 15:30 horas comezarán as inscricións para as comparsas e carrozas, que partirán no desfile encabezados polos Xenerais da Ulla, dende a Praza Vales Mahía ás 16:00 horas en Bandeira.
Ao remate do desfile, as celebracións trasladaranse á praza do Entroido. Alí, o Alto Infantil -preparado dende a Escola de Xenerais da Bandeira– abrirá ás 18:00h a agardada batalla dialéctica das tropas do entroido, co Alto dos Xenerais.
A partir das 20:00 horas terá lugar o baile de disfraces na mesma localización, amenizado pola Charanga BB+, un dúo e un dj.
As actividades están organizadas dende a Asociación dos Xenerais do Entroido da Bandeira. Durante a velada entregaranse tamén os premios aos mellores grupos, comparsas e disfraces.
Venres sombreireiro e Pixamada
Como novidade en Silleda, o venres 28 tamén se celebra o Venres Sombreireiro, ca presentación dunha nova personaxe. E o sábado convídase á veciñanza a acudir en pixama a tomar o vermú polos bares da vila
Domingo de Baldreus con xantar en Silleda e bailes infantís
O día 2, domingo de Entroido, a vila de Silleda será a protagonista co domingo de Baldréus, unha iniciativa que se estreou con gran éxito en 2023 da man do colectivo SIC Iniciativas Culturais .
A xornada comezará ás 08:30 horas coa Alborada dos Baldréus na Carballeira das Pedrosas. A festa continuará a partir das 12:00h co Vermú de Mandís, amenizada por Charanga Charandonga. Ás 14:30 horas, chega un xantar popular na carpa que se instalará na Praza Juan Salgueiro. Pola tarde, na sobremesa haberá a Poxa da Salazón, con poxa de pezas do porco, e a partir das 18:00 horas chegará o pasarrúas dos Baldréus, unha figura que naceu hai xa tres anos con vontade de crear unha representación propia na vila de Silleda e o Demo de Carboeiro e que este ano estreará novas figuras. Ao remate haberá animación musical con Dúo Meritxell e DJ Calwin.
O luns de entroido volta a tradicional festa infantil da Asociación Cultural Vista Alegre da Bandeira, a partir das 17:00 horas, no que este ano a maxia será protagonista da man do Mago Richard. Os cativos poderán disfrutar dunha merenda.
A programación do Entroido no municipio de Silleda seguirá o martes de Entroido, día 4, cunha festa infantil organizada polo Concello que se celebrará tamén na carpa da praza Juan Salgueiro, con xogos tradicionais e disco móbil infantil.
O venres 7 de marzo, ás 21:00 horas despedirase o entroido en Silleda coa Queima do Vello Baldréu.
Dende o Concello de Silleda, que colabora con todas as actividades, a alcaldesa, Paula Fernández, destaca o traballo realizado polos colectivos que participan na organización deste programa, “e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade, ademais de agradecer a colaboración de empresas patrocinadoras, colaboradores e dos colectivos que organizan todas estas celebracións.
Á presentación asistiron representantes de todos os colectivos que conforman Programación Vive o Entroido Silleda 2025 (preme aquí)!