A programación do Entroido no municipio contará con actividades en Lamela, Bandeira, Silleda, Laro, Abades

Silleda, 13 de febreiro de 2019.  A celebración do Entroido volve ao municipio de Silleda dende o vindeiro sábado día 23. A programación contará este ano con distintas celebracións nas que que non faltarán actividades musicais, gastronómicas, desfile e concurso de disfraces, e por suposto a tradición dos Xenerais da Ulla, con tropas que se siguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela.

Será precisamente nestas dúas localidades e na parroquia de Abades onde arranque o programa o vindeiro sábado 23. Nesta xornada celebrarase no auditorio Manuel Dopazo o concerto de entroido da aula de música da Bandeira (12:00 horas) e no local social de Abades a asociación de veciños A Costa celebrará un ano máis un xantar de entroido.

Xa pola tarde en Lamela, volve a cita organizada pola Asociación de Xenerais de Lamela (Anxela). O desfile partirá dende Barravaite ás 17:00 horas ata chegar ao campo da festa onde ás 18:00 horas terá lugar o pregón do Entroido e a continuación o tradicional Alto dos Xenerais. Pola noite celebrarase unha cea-baile no local social, amenizada por Pachi.

O venres día 1 de marzo os maiores celebrarán o tradicional xantar de entroido no restaurante Coteliño, organizado pola Concellería de Benestar.

Pola tarde na Casa da Xuventude terá lugar un obradoiro de confección coa temática do entroido para o público máis novo (17:00 horas).

Nesta xornada do venres día 1 arrancará tamén o programa de entroido na vila da Bandeira, un dos máis veteranos coa Vellada e unha ruta de tapas de entroido polos bares da localidade, acompañada dunha charanga.

O sábado 2 de marzo, a xornada na Bandeira ábrese co desfile de cabezudos polas rúas (12:30 horas) e ás 16:00 horas arrancará o desfile dende a rúa do Deporte, coas máscaras e parrandas que participarán no concurso acompañando aos Xenerais.

Na praza da Feira o Alto dos Xenerais arrancará coa sesión infantil a cargo do alumnado do CEIP Ramón de Valenzuela e pola noite, a partir das 23:00 horas terá lugar o baile de disfraces no pavillón a cargo do Trío Máster, Dúo Punto Cero e DJ Troula, onde se entregarán os premios aos mellores disfraces nas distintas categorías ( comparasas e carrozas, individuais e charangas).

O domingo de Entroido Silleda volve celebrar ao igual que o pasado ano o desfile e concurso de disfraces, organizado polo Concello en colaboración con varios colectivos da vila. A cita partirá ás 17:00 horas dende a Casa da Cultura e os premios entregaránse no concerto-cea que celebrará a Banda Municipal de Silleda o sábado día 9.

O luns de entroido, 4 de marzo, o Centro Cultural Vista Alegre acolle outro clásico destas datas: a festa infantil de disfraces, con animación e merenda (17:00 horas) e o martes día 5, a cita para os máis cativos repetirase tamén con animación e merenda no local social de Laro, organizada pola asociación veciñal desta parroquia.

Remate o día 9, con ruada e cea- concerto

A programación de Entroido no municipio silledense prolongarase ata o sábado 9 de marzo. Así, nesta xornada ás 17:00 horas dará comezo a I Ruada de Entroido organizada pola Asociación Fortín da Pomba na praza da Feira da Bandeira, na que se agarda a participación de distintos grupos.

E en Silleda a Banda de Música Municipal celebra no auditorio da semana Verde (19:30 horas) o recital baixo o lema  “Concerto (non)  tan singular”  no que a formación silledense actuará xunto co grupo Píscore, co que non faltará o toque de humor.

Ao remate do concerto entregaránse os premios aos mellores disfraces e grupos do desfile do domingo día 3. A xornada rematará ás 21:30 horas cunha cea –baile de disfraces no pavillón 10 do recinto Semana Verde, amenizada con música de DJ.

Tamén na parroquia de Taboada os veciños celebrarán o día 9 unha cea de entroido no local social, ás 21:00 horas, organizada pola Asociación veciñal Santiago Apóstol.

Dende a Concellería de Cultura Ana Luisa González destaca o traballo realizado polos distintos colectivos que participan na organización deste programa, “ e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade.