A reforma da rúa Progreso, a segunda fase da Rede de Calor e a reforma para o novo consistorio, protagonistas do orzamento municipal de 20201 en Silleda

-O documento someterase á aprobación inicial no pleno do vindeiro xoves día 4. O montante total e de 8,4 millóns de euros, un 22, 72% máis que o pasado exercicio

Silleda, 30 DE XANEIRO DE 2021.  O executivo local de Silleda levará a  pleno o vindeiro xoves día 4, nunha sesión telemática,  a aprobación inicial do orzamento municipal para  2021. O montante global das contas sitúase en 8.480.000 euros , unha cifra que supón un incremento do 22,72 por cento (1,5 millóns máis) respecto ao orzamento do ano 2020. Este incremento explicase ao contemplarse destacados investimentos para o presente exercicio como a reforma da rúa Progreso (con máis de 800.000 euros de investimento) ou a rede de calor (195.706 euros), ambalas dúas en proceso de licitación. Tamén se inclue a primeira fase de remodelación da actuación Casa da Cultura, para acoller o futuro consistorio, cun investimento de 964.000 euros.

Deste xeito, e con respecto ao pasado ano, o capítulo de investimentos reais aumenta en máis de 237%, pasando de 668.600 euros a máis de 2,2 millóns (2.258.798,25) . “A estas tres destacadas actuacións sumaránse outras obras e dotación sao longo do ano”, indica o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña.

No capítulo de gastos, a partida de persoal sitúase en 2,3 millons  euros, o que supón o 26,73%, do orzamento municipal. Pese a contemplarse a suba salarial estipulada polo estado para a plantilla nun 0,9 %,(suba que non se aplicará aos concelleiros do goberno con dedicación)  a partida redúcese en 193.000 euros ao non contemplarse 7 prazas vacantes, pola imposibilidade de ser cubertas ao longo do ano 2021.

Os gastos correntes en bens e servizos (3,3 millóns de euros) increméntase lixeiramente nun 5%, polo incremento no servizo de recollida de lixo e o de subministro da enerxía.

No capítulo 3, de gastos financieiros, mantense a partida igual que o pasado ano, con 18.000 euros, mentres que nas transferencias correntes, hai una lixeira suba para as subvencións (3.000 euros) que se prevén outorgar por concorrencia competitiva a deportistas individuais, mediante unhas bases específicas. Mantéñense igualmente as axudas a colectivos culturais e veciñais, así como as destinadas ao fomento do emprego (15.000 euros), a Escola de Música Municipal (que xa o pasado ano se subiu a 110.000 euros) e o mantemento e conservación de camiños municipais (200.000 euros).

A partida destinada a Servizos Sociais –que xa o pasado ano se incrementou en máis dun 155%-segue a ampliarse nun 10%, acadando os 666.000 euros (incluindo a prestación do Servizo de Axuda no Fogar, entre outras actuacións).

Aumenta tamén considerablemente a partida de promoción do comercio, dada a situación actual do sector pola crise sociosanitaria, ao proverse iniciativas de promoción e dinamización.

Tamén se volve a contemplar unha partida de 73.000 euros para a Escola Infantil A Galiña Azul, hai que hai que sumar os gastos de mantemento. “Pese a ser competencia da Xunta, os concellos seguimos a facer un grandísimo esforzo na educación de 0 a 3 anos”, indica Cuiña.

No capítulo 6, de investimentos reais, tamén se contemplan achegas municipais a subvencións doutros organismos para realizar novas actuacións (130.599,40 euros) e o chamado Plan de Obras e Servizos (POS), con 106.500 euros.

“Continuaremos apostando pola mellora e mantemento da nosa extensa rede viaria con outras actuacións puntuais tamén no rural que se sumarán a estas inversións”, engade Cuiña.

Capítulo de Ingresos

En canto ao capítulo de Ingresos, volve aplicarse a filosofía da prudencia e o rigor económico en base a liquidacións anteriores. Así, en impostos directos (IBI, IVTM, IAE e BICES) está previsto recaudar 2,1 millóns de euros, apenas un 0,6% máis que no último exercicio.

Por impostos indirectos (ICIO) prevese recadar 80.000 euros, igual que no último orzamento. «Agardamos que o PXOM, a clave do futuro de Silleda, sexa aprobado pola Xunta canto antes, para revitalizar a economía local nun municipio onde hai moitos veciños pendentes do planeamiento para poder construir a súa vivenda», engade o alcalde.

En canto ás taxas e outros ingresos o capítulo aumenta só un 1, 40% (prevése recadar 1,3 milóns de euros).

Nas transferencias correntes (Participación en tributos do Estado e aportacións da CCAA) prevese ingresar algo máis de 3 millóns de euros (un 4,8%máis) mentres que as transferencias de Capital aumentan considerablemente (un 217%) cas subvencións para a realización das inversións citadas. Tamén se contempla a aportación da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos (con 585.000 euros) .

Cuiña advirte que “tal e como recolle o informe de intervención é un orzamento prudente no tocante aos ingresos e que cumpre co principio de estabilidade orzamentaria”.

Así mesmo, o alcalde sostén “ que como se ten demostrado cas últimas liquidacións o orzamento aumentará finalmente ao remate do exercicio, incorporando novas actuacións”, .

A día de hoxe o departamento de Intervención conta xa cun avance da liquidación de 2020, que continúa arroxando un saldo positivo “na liña dos últimos anos logo de pasar de ter un remanente de tesorería negativo e estar en números roxos coas arcas lastradas polas débedas e sentenzas condenatorias por impago”, engade.

Logo da súa presentación á Mesa de Persoal en días pasados, o vindeiro luns día 1 celebrarase –tamén de xeito telemático- a comisión informativa previa ao pleno.