A Residencia de Maiores, que abrirá as súas portas en abril, dará emprego directo a 22 persoas

Silleda,  21 de marzo de 2019.  “Achégase o que será o día máis importante desta lexislatura. O día no que o primeiro dos nosos maiores pase estas portas, e que consigamos traer de volta aos silledenses que están noutras residencias, será a alegría máis grande deste mandato para nós como representantes públicos”. Con estas palabras o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, definía a satisfacción do goberno municipal en vísperas da apertura –na primeira quincena de abril- do Centro de Día e Residencia de Silleda.

Durante a súa visita ás instalacións acompañado polos membros do executivo municipal, o responsable da empresa concesionaria (Coviastec), Camilo Álvarez, e a directora do centro, Paula Guzmán, o rexedor silledense lembrou que este centro “ eran os primeiros deberes, os  máis importantes que nos puxeron os veciños e  que esté case a punto de abrir  é unha gran noticia para toda a veciñanza e, en especial, para aqueles que están en centros coma estes fóra de Silleda”, indicou.

Cuiña resaltou os beneficios que suporá para estes usuarios estar preto das súas familias “ e poder ver incluso dende aquí aos seus netos xogando ao futbol, salindo da Escola de Música… ou que os pequenos se acheguen aquí a visitalos dunha forma segura cando esté rematada a urbanización do entorno”, engadiu.

Ao igual que Álvarez, que agradeceu a colaboración do Concello e do alcalde “dende o primeiro minuto”, Cuiña destacou a singularidade do edificio, “nun lugar estratéxico, no centro de Galicia, ben comunicado e cunhas instalacións que se pensaron antes que nada co benestar dos usuarios como prioridade, o que se traduce en habitacións máis amplas do habitual”.

Álvarez resaltou así mesmo “o gran traballo do estudio de arquitectura do silledense Martín Pereiras, con este edificio funcional, moderno, moi integrado no entorno e con moitísima luz, algo fundamental para traballar cas persoas usuarias deste tipo de instalacións”.

No centro daráse emprego a 22 persoas, que se irán incorporando segundo as necesidades do centro, e procuparase ademais traballar con proveedores da zona para o funcionamento diario.

Urbanización, lista no verán

Durante a visita Álvarez explicou que as obras de humanización do entorno, dende a rotonda da Semana Verde ata a rúa Outeiro, iniciaránse previsiblemente na primeira quincena de abril, quedando totalmente rematadas no verán.

A empresa Coviastec foi tamén adxudicataria desta actuación,  cunha inversión de case 600.000 euros realizada pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda.

A directora do centro, Paula Guzmán, explicou que a día de hoxe hai xa 8 reservas de praza en firme. As persoas interesadas en contactar co centro poden facelo a través do mail direccionsilleda@gmail.com ou no teléfono 660 160732. Ademais das 59 prazas residenciais e as 20 do Centro de Día, ofértanse estancias de respiros familiares (para fins de semana ou estadías por un determinado tempo).

Inversión de 3 millóns de euros, e prezos especiais para os silledenses

Coviastec, que iniciou os traballos hai agora un ano, investiu no edificio 3 millóns de euros. A residencia construiuse mediante a fórmula da concesión demanial, poñendo o Concello de Silleda os terreos por un prazo de 75 anos (e revertindo na Administración local pasado ese prazo).

Precisamente na licitación desa concesión demanial o Concello de Silleda incluiu unha cláusula para que os silledenses teñan prezos especiais. Así, establécense para as 12 primeiras prazas de residencia para válidos 1.000 euros e unha tarifa máxima no Centro de Día de 300 euros.

“Estamos moi satisfeitos de ter apostado por Silleda”, indicou Álvarez, que avanzou que unha vez rematada a urbanización, no verán, se fará “un acto inaugural acorde á inversión tanto pública como privada no centro e no seu entorno”.