A Romaría da Tortilla de Laro e os Xenerais do Entroido serán declarados Festas de Interese Turístico

 

Silleda, 9 de maio de 2013. A Romaría da Tortilla de Laro e a tradición do Entroido dos Xenerais da Ulla serán declaradas Festas de Galicia de Interese Turístico. Dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) remitiuse un escrito a Alcaldía informando desta boa nova.

Na comunicación explícase que a comisión de valoración acordou o pasado día 2 de maio, logo de valorar e examinar os expedientes, propoñer ambas celebracións para a citada declaración de interese turístico, que agora estaría pendente da aprobación por parte do Consello da Xunta e a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

“É unha nova excelente, que aportará maior excelencia a dúas celebracións moi arraigadas no noso municipio”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.

No caso concreto da Tortilla de Laro a confirmación da declaración chega logo de dous intentos fallidos. O expediente iniciouse no ano 2008 e  a Xunta denegou entón a declaración. O Concello fixo as alegacións pertinentes incidindo na orixinalidade da cita festiva (que se celebra o primeiro venres de agosto) e na cantidade de asistentes que acuden cada ano, con milleiros de persoas. No ano 2010 volveuse a facer outra petición, que tamén foi denegada. “Agora por fin parece que a Tortilla de Laro se sumará a outras celebracións do municipio coma a Empanada da Bandeira, como gran referente festivo da nosa gastronomía”, engade  Paula Fernández.

A declaración chega precisamente no ano en que a cita de Laro cumpre as vodas de prata, logo de 25 anos de historia e consolidada xa como un dos eventos con máis público de Trasdeza.

No caso dos Xenerais do Entroido a declaración tamén contribuirá a realzar unha tradición que en Silleda ten varios referentes, como pode ser o Alto da Bandeira e outros como o de Lamela ou Dornelas, recuperados nos últimos anos. “É unha das manifestacións culturais máis arraigadas do municipio, e polo tanto esta agardada declaración está máis que xustificada”, sinala a rexedora.