A RPT do Concello de Silleda entra na súa recta final cun principio de acordo  

-Hoxe celebrouse unha nova sesión da mesa de negociación, que arrancou o pasado mes de setembro

 Silleda, 7 de abril de 2022.  A Mesa de Negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Silleda celebrou hoxe unha nova sesión no salón de Plenos, ca participación de membros do goberno e representantes dos sindicatos CSIF, CCOO, UGT e CIG.

Nela, os representantes municipais, o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Persoal, Pili Peón, argumentaron a aceptación dalgunha das propostas que se fixeron na sesión anterior.

“Estamos xa na recta final cun principio de acordo”, indicou o alcalde, Manuel Cuiña, que valorou moi positivamente a sesión. “Estamos moi cerca de ter a primeira RPT deste Concello despois de varios intentos fallidos, e a falta de establecer alguns flecos no tocante a temas económicos, agardamos que a negociación remate cun novo encontro nas vindeiras semanas”, explica.

Unha vez rematada a negociación, a RPT será elevada ao pleno da Corporación. “Agardamos que salga, como queremos todas as partes, co maior consenso posible, e sempre pensando nas melloras para a plantilla municipal”, indica.

Despois de varios meses de traballo, a mesa de negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Silleda arrancou o pasado mes de setembro, despois da súa elaboración por parte de personal municipal.

Nos últimos meses dende o goberno estudáronse as propostas e achegas feitas dende os distintos sindicatos en representación dos traballadores.  O alcalde agradece a colaboración dos representantes sindicais e da plantilla nun proceso moi agardado no Concello de Silleda logo de varios intentos fallidos nos últimos anos por sacar adiante o documento, nunha entidade local cunha plantilla moi mermada nos últimos anos á que afectaron distintas normativas estatais e con apenas personal funcionario.