A Rúa do Agro de Silleda xa conta cun sentido único de circulación

-Este cambio na circulación da rúa foi aprobado no pleno do 26 de maio, modificándose o sentido da mesma na sesión plenaria do pasado xoves

-A modificación fíxose con vistas a aumentar e mellorar o estacionamento de vehículos na zona

Silleda, 29 de xullo de 2016.  No día de hoxe remataron os traballos de remodelación da circulación na Rúa do Agro de Silleda, co pintado e a sinalización da mesma.

Esta actuación, levada ao pleno do pasado 26 de maio como proposta da alcaldía, foi modificada na sesión plenaria do pasado xoves, para cambiar o sentido da circulación, que finalmente transcorrerá dende a Rúa Camiño dos Castros de Toiríz ata a Rúa Trasdeza, e non ao revés, como se tiña previsto nun primeiro momento. Este cambio produciuse logo de comprobar, mediante un informe da Policía Local, que a circulación de vehículos era maior de cara á estrada nacional.

A decisión de implantar nesta rúa un sentido único de circulación tomouse debido á falta de estacionamento na zona, o que complicaba o acceso ao concello, á oficina de correos e a distintos establecementos próximos.

Os traballos, que foron adxudicados á empresa Construcciones Areán, remataron esta tarde coa instalación da sinalización correcta da rúa en consecuencia coa nova circulación e o pintado dunha liña lonxitudinal descontinua de delimitación de arcén de estacionamento na marxe esquerda, o que duplica o espazo actual.

Para cumprimentar estas accións, tamén se construíu  un pequeno tramo de beirarrúa na marxe esquerda da vía no seu entronque coa Rúa Trasdeza, onde ata o de agora un inmoble interrompía a acera e obrigaba aos peóns a invadir a calzada.