A Ruada de Parada celebra a súa terceira edición o vindeiro sábado 24

Silleda, 20 de maio de 2014. A parroquia silledense de Parada celebra o vindeiro sábado día 24 a terceira edición da súa xa coñecida Ruada. A música e a tradición popular encherán a localidade con esta cita que vén organizando a Asociación de Veciños da Localidade, en colaboración coa Concellería de Cultura e Turismo.

A ruada comeza ás 17.00 horas no lavadoiro de Barro, para percorrer , con música e baile outras destas construcción etnográficas que forman parte da Ruta da Auga de Parada. O percorrido continuará despois polos lavadoiros de Outeiro e Parada, para rematar no centro social , onde continuará a festa e haberá unha merenda para os asistentes.

Dende a organización explican que asistirá xente dende Pontevedra, Allariz, Vila de Cruces, Botos, Vilatuxe ou Silleda, entre outros, ademais dos veciños e veciñas de Parada, o escenario natural onde se vén celebrando con éxito este certame cultural.

A Ruada de Parada comezou despois da creación da Ruta da Auga, con fontes e lavadoiros. Pero ademais da música tradicional, na parroquia as fontes e lavadoiros tamén veñen sendo escenario dunha orixinal celebración cultural, coa colocación de poemas e outros textos en galego, dende o mencer do 17 de maio, Día das Letras galegas, e ata finais de mes.

Entre as creacións deste ano destaca un traballo feito por Álex Silva Lage, un neno de 8 anos, veciño da parroquia, sobre a linguaxe do pan.

Desta iniciativa xurdiron nos últimos anos, historias fermosas e outras curiosades. Na fonte do Piollo acostuman tamén a colgarse contos infantís, aínda que este ano non faltan tampouco cómics ou textos sobre filosofía. Nesta orixinal iniciativa teñen participado e colaborado entre outros escritores como Xosé Vázquez Pintor ou David Otero, aos que a asociación agradece o seu apoio.

Un dos obxectivos, segundo explican dende a asociación veciñal, é tentar recoller ademais da tradición oral así como poñer en valor e dinamizar o rural, ao tempo que se reivindica a valía de elementos naturais coma auga e o seu coidado.