A parroquia de Laro acollerá o vindeiro sábado 9 de maio a VIII Ruta Cabalar, unha cita xa consolidada no calendario de actividades da zona e que volverá reunir a amantes do mundo ecuestre e da convivencia arredor dunha xornada festiva.
O evento está organizado polo colectivo Cabaleiros de Regadío, coa colaboración do Concello de Silleda, e desenvolverase ao longo de toda a xornada cun programa que combina gastronomía, natureza e música.
A actividade arrancará ás 13:00 horas cun xantar popular, para dar paso despois, ás 15:30 horas, á saída da ruta polos montes da contorna. O percorrido será de 18 quilómetros, cunha parada con bebida e pinchos, e estará amenizado polo Grupo de Gaitas Os Trasnos de Doade.
Xa pola noite, a programación continuará cunha cea a partir das 22:30 horas, aberta para todas as persoas que desexen asistir. A festa rematará cunha actuación musical a cargo do Dúo Ciclón e de DJ Regadisco Show, nunha velada que volverá converter Laro nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.
Dende o Concello de Silleda valórase moi positivamente a continuidade desta iniciativa, que ano tras ano contribúe a dinamizar a parroquia e a poñer en valor a riqueza paisaxística e social do rural, ao tempo que promove unha xornada de convivencia en torno á tradición cabalar.
As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa antes do mércores 6 de maio. O prezo é de 20 euros para o xantar, 10 euros para a ruta e 35 euros para a opción de ruta máis cea. A organización lembra ademais que a ruta é apta para carros e que cada xinete será responsable dos posibles danos do seu cabalo.
