Aberto o prazo para o concurso Nas festas somos máis, con 3.000 euros en premios

Silleda, 3 de xaneiro de 2018.  O Concello de Silleda vén de abrir o prazo de presentacións de traballos para a segunda edición do certame “Nas festas somos máis”, o concurso enmarcado na campaña de fomento de empadroamento.

Este certame que botou a andar o pasado ano ten como obxectivo fomentar, ademais do empadroamento, a riqueza turística e paisaxística do municipio . Como novidade, o certame –que gañou o pasado ano a comisión organizadora da Festa da Paella de Cortegada- duplicará a dotación económica (pasando de 1.500 a 3.000 euros) e concederánse tres galardóns en lugar dun único premio.

O primeiro estará dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.000 euros e un terceiro con 500€. O prazo para presentar candidaturas, tal e como recollen as bases, abriuse onte día 2 de xaneiro e as propostas poderán presentarse no Rexistro Municipal ata o vindeiro día 13.

Poderán participar, ao igual que na primeira edición, todos os colectivos ou asociacións, legalmente constituídas, que sexan organizadoras de festas patronais e/ou gastronómicas do municipio de Silleda.

Segundo recollen as bases entenderase como traballo participante a totalidade da campaña promocional da festa, así como as accións de promoción que se leven a cabo durante o evento en cuestión.

Cada organización deberá presentar unha memoria na que se especifiquen as actividades de promoción da festa na que se abarquen aspectos de fomento de empadroamento do municipio, (cartaces, actos de presentación do evento, publicidade de lugares turísticos durante as festas…), promoción dos grupos culturais e musicais locais, ou calquera outra que se estime oportuna engadir.

A temática será exclusivamente a promoción do Concello de Silleda e o fomento do empadroamento no mesmo.

 “Con este importante cambio nas bases tratamos tamén de fomentar unha maior participación das asociacións que organizan as moitas festas que celebramos en Silleda”,  indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Os premios irán destinados a subvencionar os custes da festa ou evento que concorra ao certamen e non poderá empregarse o premio para a realización de outros actos realizados pola comisión ou organización, que non estean relacionados co evento principal.

Durante todo o ano

Poderán concorrer a este certame municipal todas aquelas campañas do presente exercicio, organizadas dende o 1 de xaneiro de 2017 ata o 31 de decembro.

Contratación de grupos locais

Os traballos valoraranse en base á orixinalidade e calidade da campaña, en xeral, a duración  da campaña previa á celebración, ou outros criterios coma o número de posibles destinatarios e o impacto tanto no municipio como fóra del. Entre os criterios puntuables introdúcese tamén este ano nas bases un novo: o de contratación musical ou outro tipo de animacións que teñan a súa sede en Silleda.

“Deste xeito tamén estamos a contribuir á promoción dos nosos grupos e en definitiva a dinamización de Silleda”, remarca o alcalde.

As bases deste concurso poderán consultarse na páxina web do concello, (www.silleda.es).