Ábrese o prazo para acollerse ao programa Silleda Reactiva, con axudas directas a establecementos e autónomos afectados pola crise do COVID 19

Silleda, 17 de abril de 2020. Logo de que a Corporación municipal de Silleda celebrara onte xoves  un pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade o programa Silleda Reactiva, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica hoxe venres as bases que rexerán esta convocatoria, unha das primeiras destas características en Galicia cunha dotación que pode alcanzar os 502.000 euros. As bases establecen dúas liñas de axuda directa: unha co abono de 800 euros para os establecementos que se viron obrigados a pechar ao decretarse o Estado de Alarma e outra, con 300 euros para os que aínda podendo estar abertos reduciron a súa facturación nun 50%.

Os posibles beneficiarios (comercios, locais hostaleiros, autónomos doutros sectores…) poderán solicitar estas axudas dende mañá sábado 18 de abril, e ata o décimo quinto día hábil posterior a que remate o Estado de Alarma.

Serán ademais axudas que se xustificarán a posteriori e con cuestións que se simplifican a través de declaracións responsables dos solicitantes.  Toda a documentación, requisitos, e cuestións relativas á xustificación destas axudas figuran nas bases xa  se poden consultar nas bases, que se publican no ficheiro que segue.