Activado o dominio de Internet silleda.gal

Silleda, 3 de decembro de 2014. O Concello de Silleda xa ten activado o dominio de internet Silleda.gal, solicitado a finais do pasado mes de setembro. A través desta extensión, que identifica xa a moitas institucións e entidades galegas, xa se pode acceder á web municipal.

Así mesmo, os enderezos electrónicos do Concello –a falta de algún cambio do servidor para os mails saíntes-, xa reciben a través do novo dominio.

Dende o Concello, e co ánimo de extender ao tecido social e promocionar a iniciativa que identificará a comunidade galega no mundo, ofrécese a todas as asociacións ou entidades sen ánimo de lucro a posibilidade de contar nos seus enderezos electrónicos coa extensión @silleda.gal, a través do dominio adquirido polo Concello.

“Cremos que é unha forma de incentivar o uso deste dominio que xa están a utilizar numerosas institucións e particulares”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así hoxe comezáronse a remitir cartas a todas as asociacións, colectivos e clubes sen ánimo de lucro propoñéndolle usar esta extensión. Para sumarse á iniciativa só teñen que poñerse en contacto co Concello ou remitir un mail ao enderezo info@silleda.gal, no que deben de indicar nome da persoa de contacto, teléfono e enderezo electrónico. Dende o Concello remitiranse as solicitudes á firma encargada do mantemento informático, que se encargará de realizar os trámites oportunos.

A reserva do dominio .Gal, xestionada pola Asociación Puntogal foi acordada ademais por unanimidade do Pleno o pasado mes de setembro. Os ingresos económicos que se produzan por esta actividade dende a Asociación Puntogal servirán ademais para o mantemento do propio dominio, e no caso de ter beneficios estes serán investidos no fomento da lingua e a literatura galega, dentro do ámbito das novas tecnoloxías.