Adxudicadas á empresa Pena e Caramés as obras de reparación de Portodabalde

 

Silleda, 17 de decembro de 2012. A Deputación de Pontevedra vén de comunicar ao Concello de Silleda a resolución pola que se adxudica á empresa silledense Pena Caramés o proxecto “Reparación de paso sobre o río Refoxos”, no vial de Portodabalde (Parada).  

Esta actuación foi incluída polo goberno municipal no Plan de Investimentos da Deputación (PID) do ano 2012, advertindo do seu carácter urxente. O importe da actuación é de 34.001 euros.

O mal estado deste punto do vial, o principal acceso á parroquia silledense de Parada, apremiaba unha actuación urxente, logo de que o pasado verán se detectara a formación de socavóns por mor do afundimento dos tubos metálicos que forman parte da estructura da carretera.

“É unha actuación moi urxente e necesaria, xa que se segue a chover neste inverno coma nos días pasados a estrada pode afundirse por completo, á vista do grande deterioro das tubaxes”, sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña.

 

 

 

Segundo se recolle na comunicación da Deputación, o prazo de execución das obras é de 30 días. “Agardamos que se cumpra o prazo estipulado na resolución, para atallar dunha vez por todas a problemática deste vial”, engade Cuíña.

O pasado 24 de outubro a Xunta de Goberno Local aprobou, nunha sesión con carácter urxente e extraordinaria o Proxecto de reparación do paso sobre o río Refoxos, encargado dende a Administración local.

O pasado mes de setembro os técnicos municipais corroboraron logo dunha visita a Portodabalde que os danos eran moito máis grandes do que se pensaba nun principio, xa que  a baixada do nivel de auga revelou o grave deterioro das tubaxes da ponte. “Pensabamos que estaban peor nas esquinas e que podería comezar a afundirse na parte central, pero a triste realidade é que nesta parte do medio están xa en moi mal estado”, sinala o concelleiro.

Dende o Concello de Silleda  solicitouse xa entón ao organismo autónomo Augas de Galicia autorización para a retirada de toda a canalización do regato sobre a que se asenta o vial, e o permiso chegou en días pasados. Tamén se informou á Asociación de Veciños de Parada, que no seu día alertou ao goberno silledense do progresivo deterioro, sobre a situación atopada.

Tráfico restrinxido

Dende o pasado 25 de agosto, logo da advertencia da Asociación de Veciños, e en virtude do informe Policial realizado ao respecto, o tráfico no vial de Portodabalde quedou limitado para os vehículos pesados e agrícolas (ata 4 toneladas). A zona está sinalizada e dende o Concello pideuse aos veciños e usuarios que eviten pasar con vehículos agrícolas por este punxo, xa que o paso de tráfico pesado suporía un maior.

O Concello de Silleda xa realizou reparacións neste punto, onde os tubos metálicos colocados a modo de ponte romperon xa en dúas ocasións provocando o afundimento do firme.