Adxudicadas por 146.465 euros as obras de mellora de accesos a Siador e Laro

Silleda, 11 de novembro de 2017.  O Concello de Silleda vén de adxudicar o proxecto denominado Mellora dos Camiños de Acceso en Siador e Laro, por un importe total de 146.465 euros (IVE incluido) á empresa Taboada y Ramos.

Nos vindeiros días darán comezo as obras para a reparación de vías nestas dúas parroquias.

No caso do acceso ao núcleo de Siador a invesión –na que será a primeira fase dos traballos- supera os 100.000 euros e as obras completaránse o vindeiro ano con novas actuacións, co que o investimento total se achegará aos 170.000 euros.

O proxecto de mellora iniciase no acceso principal  ao lugar de Siador,  ancheando a vía e construindo un muro de contención. “Está actuación é moi necesaria xa que a pista, tal e como está, corre o risco de derrubarse”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. O acceso principal, con fondos baches, dotarase de aglomerado, barandillas para o citado muro, e as correspondentes canalizacións.

A actuación restante consistirá en mellorar todo o viario que discorre entre as vivendas. Esta última acometerase con cargo ao orzamento do vindeiro ano 2018. O viario entre as vivendas –de escasas dimensións-mellorarase con formigonado.

O alcalde, Manuel Cuiña, e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, mantiveron en xuño un primeiro encontro  cos veciños e veciñas do lugar de Siador para tomar nota das necesidades e unha nova reunión a finais de agosto para presentar xa o proxecto de actuación e as inversión previstas.

Actuación en Laro

A outra obra incluída neste proxecto, con 40.000 euros de inversión, levarase a cabo na parroquia de Laro, na pista que vai dende o lugar de Sante ata a igrexa parroquial. Este vial tamén se atopa en moi malas condicións, acusando en parte o tránsito de maquinaria pesada.

Estas actuacións acométense con fondos propios municipais, “co ánimo de seguir mellorando a nosa extensa rede viaria do rural”, engade Cuiña.