Adxudicado á empresa Endenor o proxecto de repintado e sinalización horizontal nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira

Silleda, 1 de maio de 2015. A Xunta de Goberno Local de Silleda adxudicou na súa última sesión o proxecto para repintado e mellora da sinalización horizontal dos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira. A mellor oferta foi a presentada pola firma local Endenor. O prezo da adxudicación foi de 55.039,83 euros.

Esta ambiciosa actuación permitirá repoñer a pintura de todos os cebreados e o pintado lonxitudinar de todas as rúas. “Así mellorarase a sinalización nos dous cascos ao tempo que se reforza a seguridade viaria”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

En total actuarase sobre as 16 vías urbanas da Bandeira e outras 32 do casco urbano de Silleda.

Búscase con esta actuación mellorar os dous núcleos sillendeses tendo en conta que nalgún caso o pintado sobre o pavimento actual se atopa deteriorado ou cun estado de conservación deficiente.

“Aínda que dende o Concello vimos actuando de xeito puntual repintando por exemplo os pasos de peóns xunto aos centros escolares, hai que ter en conta que esta sinalización horizontal precisa unha reposición xeral”, explica o alcalde. Actuarase sobre pasos de peóns (cebreados), flechas e outros indicativos, delimitación de zonas de aparcamento… e outros elementos de sinalización horizontal. Dende o goberno municipal agárdase que as obras poidan iniciarse en breve.

Lavado de rúas

Por outra banda nos últimos días operarios municipais están a proceder ao lavado das beirarrúas en Silleda. O proceso iniciouse na zona da avenida da Estación en un tramo da rúa Progreso. Para realizar estas labores estase a limitar o aparcamento de vehículos nas zonas a limpar.