Apróbase por unanimidade a contratación da rexeneración urbana na praza da Bandeira e o seu entorno

-Na sesión de hoxe aprobouse por unanimidade tanto os pregos coma o proceso de licitación da obra, financiada nun 80% a través do programa DUS 5000. O proxecto fora aprobado por unanimidade no último pleno ordinario

Silleda, 9 de outubro de 2023. A celebración deste pleno extraordinario vén dada pola urxencia de aprobar o expediente de contratación dunha das actuacións máis ambiciosas da lexislatura: a mellora e rexeneración urbana da praza da Bandeira e a súa contorna, cun investimento de máis de 1 millón de euros. Deste xeito, cúmprese co prazo establecido ca subvención do programa DUS 5000, do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) do Estado, que financia a obra nun 80%.

Despois de aprobar, por unanimidade dos grupos, na última sesión ordinaria o proxecto e acordar o inicio da contratación, hoxe aprobáronse o expediente de contratación, por importe de 1.053.739,23 euros, e tamén os pregos que rexerán dita contratación, por procedemento aberto, desta actuación, sendo o Pleno o órgano competente pola contía da actuación.

O grupo do PP preocupouse polo comezo das obras, as cales teñen nove meses para executarse a partir da sinatura do contrato. Mentres tanto, os membros do BNG expuxeron as súas dúbidas sobre as melloras contempladas no proxecto, melloras como o soterramento das liñas eléctricas e a colocación dunha baranda.

A redacción do proxecto financiouse ademais con cargo á Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, da que o Concello de Silleda forma parte, cumprindo cas liñas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do municipio.

Conta ademais cas pertinentes autorizacións de Patrimonio, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, informes técnicos así como cos informes favorables de Secretaría e Intervención.

A remodelación non só afectará á praza Juan Salgueiro da localidade, senón que tamén rexenerará as rúas de todo o entorno, incluída a urbanización da rúa Travesía de Vista Alegre.