Aprobradas tres novas solicitudes do Plan Municipal de Axuda a Emprendedores

Silleda, 18 de novembro  de 2015. O Concello de Silleda vén de aprobar tres novas subvencións  concedidas con cargo ao Programa de Axudas Municipais a Emprendedores.

Este plan, unha das apostas do executivo para esta lexislatura, foi dotado inicialmente no orzamento con 15.000 euros para este ano. As axudas son  a fondo perdido, subvencionado o 50% de distintos gastos de apertura, ata un máximo de 2.000 euros cada unha.

Na  Xunta de Goberno Local celebrada onte deuse o visto bo ás solicitudes de Estudio Fotográfico Vacaloura, -que abríu as súas portas en Silleda- por un importe de 1.723,11 euros; o Obradoiro Sedela de xoiería, sito na Bandeira, por importe de 2.000 euros, e Emecé, unha nota tenda de roupa en Silleda, tamén coa axuda máxima de 2.000 euros.

As cantidades outorgadas correspondense  co 50% da inversión xustificada polo solicitante, sen IVE.

Estas tres propostas, presentadas por emprendedoras do municipio que abriron recentemente os seus establecementos en Silleda e na Bandeira, súmanse á axuda concedida a B.C. Peluqueros, o pasado mes de outubro.

A concelleira de Emprego, Ana Luisa González, explica que  “con este plan queremos axudar aos emprendedores, colaborar de forma activa na xeración de emprego no municipio, apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais”.

As bases do Plan poden consultarse na web municipal (www.silleda.gal) Segundo recollen as bases, poderán acollerse a estas axudas os empresarios/as, autónomos e as pemes de Silleda que iniciaran a súa actividade dende o pasado 1 de xullo e ata o 31 de decembro.

As entidades deben de ter o seu enderezo no municipio, ser empresas de nova creación e como mínimo un dos promotores debe de estar en situación de desemprego ao inicio da actividade.

As axudas a fondo perdido teñen por finalidade subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. O importe das axudas será o 50% dos gastos efectuados no periodo inicial, cun máximo para cada unha das de 2.000 euros.

Poderán ser subvencionables os gastos de constitución e apertura (visado honorarios e gastos de proxectos técnicos, licenza de obra, alta no Rexistro Mercantil…); existencias iniciais de mercadorías; gastos de aluguer, vehículos de empresa, equipos informáticos.. subministros e gastos correntes…

Estas axudas serán ademais compatibles con outras concedidas por entidades públicas ou privadas, cumprindo unha serie de requisitos que recollerán tamén as bases.

Tramitación e seguimento

As solicitudes deben de presentarse por rexistro, cubrindo un formulario e anexos que están a disposición dos interesados e coa documentación que se especifica nas bases (memoria do proxecto empresarias, facturas de gastos, permisos…), e tamén se poden descargar da web municipal.

 A Concellería de Emprego é encargada de elevar as propostas á Xunta de Goberno Local, órgano que resolverá sobre as axudas a conceder, e de facer un seguimento dos proxectos empresariais.

As solicitudes poden presentarse ata o 31 de decembro (ou ata esgotar orzamento).

“Este programa de axuda a emprendedores é unha das grandes apostas deste goberno para esta lexislatura. O fomento do emprego e o apoio aos nosos emprendedores e emprendedoras é un dos grandes retos, unha aposta que xa figuraba no noso programa electoral e que agora iniciamos coa posta en marcha desta iniciativa”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Para esta primeira fase do programa, ata decembro, hai unha partida orzamentaria de 15.000 euros e as previsións pasan por ampliar estas axudas nos orzamentos de 2016.

Ao mesmo tempo o goberno municipal de Silleda está xa a negociar con distintas entidades bancarias créditos en condicións vantaxosas para axudar tamén a estes emprendedores e emprendedoras de Silleda que se acollan ao plan municipal.