Arqueólogos por un día en Silleda

-O obradoiro de arqueoloxía “Arqueocampo”, promovido pola Concellería de Educación, deu comezo esta mañá con alumnos do CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira

Silleda, 18 de  abril de 2016.  A Concelleira de Educación, Pili Peón, recibiu esta mañá aos primeiros alumnos en participar na actividade “Arqueocampo”, o obradoiro co que se pretende achegar o traballo científico aos nenos e nenas coa finalidade de que coñezan as tarefas dos arqueólogos, ademais de que aprendan a valorar a riqueza patrimonial da súa contorna.

Os nenos e nenas de primaria e de 1º e 2º de secundaria terán que escavar ata atopar restos dunha cabana soterrada, onde tamén atoparán anacos de cerámica e ata sementes, que terán que fotografar, tratar, analizar, e proceder ó seu arquivo.

Para facer a simulación aínda máis realista tamén atoparán carbón vexetal e ata restos de polen que poderán ver a través do microscopio, e que os axudará a entender mellor cómo era a vida dentro do castro.

Esta iniciativa innovadora na comarca do Deza dará acollida a máis de 400 alumnos dende hoxe e ata o venres 22 de abril.

A edil de Educación, Pili Peón, quixo incidir unha vez máis na importancia de obradoiros coma este, “que lle amosan ós nenos a riqueza dos nosos montes, ademais de facerlles entender o importante que é a conservación  do patrimonio”, comenta a concelleira, “e moito mais no concello de Silleda, que estamos rodeados de castros”, engade.