Arrancan as obras de mellora e renovación do viario en Área 33

Silleda, 16 de outubro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe o Parque Empresarial Área 33 de Silleda, onde se están a acometer obras para a mellora de todas as infraestruturas viarias.

O alcalde apuntou que tanto o viario como as beirarrúas desta zona foron construídas no ano 1993, e que ademais do paso do tempo, o tránsito de vehículos pesados tamén fixo mella no estado do viario, que agora se renovará con esta actuación por importe de 115.000 euros, ao abeiro das axudas da Consellería de Economía e Industria.

A empresa silledense Fernández Sarmiento, adxudicataria dos traballos, iniciou en días pasados as obras, que incluen tanto a renovación das vías como das beirarrúas.

Cuiña amosou o seu agradecemento á Xunta por dar o visto bo a este proxecto “co que continuamos mellorando o noso polígono, logo de realizar en anos anteriores outras actuacións que están a dar os seus froitos”, dixo lembrando o proxecto de instalación de placas solares fotovoltáicas, coas que xa se autoabastece todo o polígono e o de videovixiancia, coa instalación de cámaras de seguridade.

Estas dúas actuacións tamén se lograron grazas á mesma liña de axudas para a mellora de polígonos industriais deGalicia.

Na visita tamén participaron o xefe territorial de Industria, Ignacio Rial, os concelleiros Luis Rodríguez e Pilar Peón, e José Luis Espiño e Luis Arceo, do PP de Silleda, así como o empresario da firma adxudicataria que explicou os pormenores da actuación.