Arzeos Aircraft leva o nome de Silleda a Alemaña coa súa innovadora aposta na aviación ultralixeira

 

  • A alcaldesa, Paula Fernández, destacou na visita institucional realizada onte á firma asentada en Área 33 o esforzo e a visión dunha empresa pioneira que fabrica en Silleda un modelo único de avión ultralixeiro

Silleda, 15 de abril de 2026. O Concello de Silleda puxo onte en valor a proxección internacional da empresa Arzeos Aircraft, asentada no parque empresarial Área 33, que participará desde mañá nunha importante feira do sector aeronáutico en Alemaña, (Messe Friedrichshafen AERO 2026), onde presentará o seu singular proxecto industrial vinculado á aviación ultralixeira, cun modelo único no mundo: o Arzeos Z01.

A visita institucional á firma contou coa participación da alcaldesa, Paula Fernández, da tenenta de alcaldesa, Mónica González, e da concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín, que puideron coñecer de primeira man o labor que desenvolve esta empresa pioneira, que ten en Silleda a súa base de operacións e producción e que comezou a traballar no ultralixeiro en 2019.

Durante a visita, a rexedora silledense destacou o valor que supón para o municipio contar cunha iniciativa destas características, vinculada á innovación, á tecnoloxía e á industria especializada. “Arzeos Aircraft é un exemplo do enorme potencial que temos tamén desde o ámbito local para impulsar proxectos empresariais ambiciosos, con identidade propia e con capacidade para abrirse camiño a nivel internacional”, sinalou Paula Fernández.

A alcaldesa quixo tamén poñer o foco “no gran traballo, no esforzo e na constancia que hai detrás desta aposta industrial feita en Silleda”, engadindo que “non é doado consolidar unha iniciativa empresarial nun sector tan específico e esixente como o aeronáutico, e por iso é de xustiza recoñecer o mérito dunha firma que está a fabricar aquí un modelo único de avión ultralixeiro”.

Fernández incidiu ademais en que a presenza un ano máis da empresa nesta cita internacional -na que xa participaron pero cun prototipo aínda en probas-  “é unha magnífica noticia para Silleda, porque contribúe a situar o nome do noso concello en espazos de referencia, demostrando que desde aquí tamén se poden desenvolver proxectos innovadores, competitivos e con vocación de futuro”.

Desde o Concello destacouse tamén a importancia de apoiar e acompañar iniciativas empresariais que contribúan a diversificar o tecido produtivo local, xerar valor engadido e reforzar a imaxe de Silleda como un lugar atractivo para novos investimentos e proxectos ligados á innovación.

A participación de Arzeos Aircraft na feira de Alemaña supón un novo paso na consolidación desta firma, que segue avanzando desde Silleda nun ámbito altamente especializado, levando ao exterior un proxecto industrial pioneiro e de gran singularidade.

José Maceira Iglesias,  un dos impulsores da iniciativa e deseñador principal, natural da parroquia de Escuadro, explicou durante a visita á nave que a empresa agarda ter certificado o modelo este mesmo ano para iniciar xa a producción e venda deste avión ultralixeiro único.

Na visita estiveron tamén presentes xunto con Maceira, os integrantes do equipo de deseño Leticia Montero Caramés e David Fernández Cid, e algúns dos socios de Arzeos Aircraft S.L, Abel Mato Méndez, Carlos Albela Requeijo, José María Carballo Lázaro e Noemí Montero Caramés.