As bandas de música de Silleda, Lalín e Merza inician o proxecto Triloxía co concerto o vindeiro domingo 28 no auditorio da Semana Verde

Silleda, 6 de abril de 2018. As Bandas de Música Municipal de Silleda, Municipal de Lalín e a Artística de Merza iniciarán o vindeiro domingo 28 un proxecto en común que baixo o título “Triloxía” busca consolidarse como un referente cultural. A cita será no auditorio da Semana Verde (17:00 horas) cun repertorio no que ademais dos poémas sinfónicos do italiano Ottorino Respighi, cada formación interpretará unha peza de apertura escrita no século XXI.

A cita foi presentada hoxe no Hotel Vía Argentum de Silleda, coa participación dos directores e presidentes das tres bandas dezanas e os alcaldes dos tres municipios.

As entradas para asistir a este primeiro concerto do proxecto artístico común poderán mercarse nas sedes das tres agrupacións a partir do vindeiro luns día 15, por 10 euros.

Alejandro Piñeiro, presidente da Banda Municipal de Lalín, avanzou que o proxecto nace da inquetude e ambicións das tres agrupacións sinfónicas-bandísticas , que amparadas na longa tradición da comarca e no traballo que están a realizar na actualidade buscan novos retos para ofrecer ao público eventos e proxectos novidosos.

Triloxía é ese proxecto artístico soñado que aglutinará ás tres formacións para lanzar ao mercado cultural un proxecto en común cun programa musical conxunto, relacionado e completo, no que cada banda interpretará un repertorio diferente pero sempre conectado a un tema artístico sólido.

Nesta primeira edición será a Triloxía Romana de Respighi, con cadanseu poema sinfónico compostos polo autor italiano na década de 1920.

A intención e levar o proxecto en vindeiras edicións á capital galega, en concreto ao auditorio de Galicia, para centralizar o evento, ademáis de por motivos acústicos e de espazo.

Tamén se homenaxeará en cada edición a unha persoa destacada polo seu traballo no ámbito bandístico de Deza. Estrearase como “padriño” desta primeira edición o director holandés Marcel Van Bree, que coa súa chegada a Galicia no ano 1992 “supuxo unha revolución, un proceso de rexeneración nos repertorios, ademais de influir na formación dos directores”, indicou Piñeiro sobre o que fora director da formación lalinense.

Cada banda desgranou detalles das actuacións durante a presentación. Así, Rafael Agulló –director da Banda Municipal de Silleda-e Herminio Gómez, presidente da agrupación, explicaron que os silledenses serán os encargados de abrir a celebración a obertura “Picadilly Circus”, escrita polo compositor rianxeiro Antón Alcalde, que adicou ao propio Agulló hai uns anos. Do virtuosismo desta peza, que paseará ao público pola cidade de Londres a banda pasará a interpretar “Pini di Roma”, un dos poemas que componen esta triloxía, cun repertorio de gran envergadura no ámbito orquestral, poucas veces interpretado en Galicia.

A Banda de Lalín, baixo a dirección de Santiago Mella, interpretará a obertura “First light”, do estadounidense David Maslanka, peza que sonará por primeira vez nun escenario en Galicia. O poema sinfónico será neste caso “Fontane di Roma”.

A artística de Merza, reprensentada na presentación polo seu director, David Fiuza, e o presidente, Fran Fernández, completa o evento con Festive Fanfare, do luxemburgués Marco Pütz, e o poema Feste Romane, unha obra onde o xubilo e a alegría da roma clásica e actual poñerán o broche de ouro á celebración.

“Esta peza, que tamén se estrea en Galicia,  foi escrita ademais no ano 1928, cen anos despois da fundación da Banda Artística de Merza, o último dos tres poemas con influenzas de autores como Korsakov”, explicou Fiuza.

Os representantes das tres bandas reseñaron o esforzo, ilusión e motivación que está a despertar este proxecto e agradeceron o apoio dos tres Concellos.

Pola súa banda os alcaldes de Silleda, Manuel Cuiña, Lalín, Rafael Cuiña e de Vila de Cruces, Jesús Otero, destacaron o traballo e a calidade das formacións, así como a tradición bandística da comarca e o potencial actual, como garantes do éxito. O concerto será presentado polo actor lalinense Fran Lareu.