As clases de Bailes de Salón preséntase o vindeiro 7 de outubro cunha exhibición no Hotel Vía Argentum

Silleda, 28 de setembro de 2016.  O vindeiro día 7 de outubro terá lugar a presentación do curso de Bailes de Salón, unha das modalidades que se impartirán este ano en Silleda a través da oferta das Escolas Deportivas Municipais.

A cita terá lugar ás 21.30 horas no Hotel Vía Argentum, onde se impartirán as clases nos vindeiros meses. Trátase dunha modalidade que se incluíu este ano na oferta deportiva municipal debido á demanda dos veciños.

As clases serán impartidas polos silledenses Paula Gamallo e Ismael Pardo, con bailes coma  merengue, chachachá, bachata, salsa, pasodoble, vals, samba, tango … entre outros.

Esta actividade súmase ás clases de natación e aquagym, que terán tamén lugar no Hotel Vía Argentum, co que o Concello asinou un convenio para a celebración destas últimas.

“Agradecemos ao Hotel Vía Argentum a súa colaboración e animamos ao público a acudir á presentación para coñecer de cerca esta oferta”, indica a concelleira Ana Luisa González.

A parella leva case dous anos bailando xuntos. Acadaron un oitavo posto no Campionato de España de xuño de 2016 na categoría nacional. Paula e Ismael son ademais  habituais no  pódium das competicións galegas. Acadaron tamén un  terceiro posto no  Open Internacional de Oporto  de xullo  de 2015 e lograron meterse en oitavos de final do  German Open de Manheimm ( Alemaña) . Bailaron tamén  coa orquestra Panorama na Gala contra o cancro de 2015 en Vilagarcía.

A parella silledense acudiu a programas televisivos coma Bamboleo, tanto como bailaríns como metres dos alumnos que alí participaron.

Por separado, Ismael leva xa 15 anos bailando (chegou a ser terceiro de España no Campionato Sub-21) e Paula tres anos e medio, acadando xa a categoría Nacional.

19 modalidades deportivas

En total, dende a Concellería de Deportes ofértanse este ano 19 modalidades deportivas. Así, na oferta figuran Tenis, Pádel, Ioga, Pilates, Ximnasia de mantemento, Kung Fu, Kung Fu Kids (unha das novidades deste ano, para nenos e nenas de 4 e 5 anos); Defensa Persoal, Patinaxe, Aerobic Step, Zumba Step, Zumba Fitness, Zumba Kids, Bailes de salón, Fútbol, Xadrez,Tiro con Arco, Natación e Aquagym.

Todas estas actividades comezarán a impartirse a principios do vindeiro mes de outubro. Os interesados en obter información e anotarse poden facelo na Casa da Xuventude (teléfono 986 580064), ou chamando ao teléfono 671 801336.