As festas de Bandeira contarán con xogos tradicionais

-Celebrarase un campionato de canicas e un open internacional de petanca

Silleda, 10 de agosto de 2016.  Os xogos tradicionais tamén teñen cabida, como xa ven sendo habitual, nas festas de Bandeira.

Así, a Sociedade Deportiva Bandeira, adiántase un día ao comezo das festas e organiza o mércores día 17, ás 21:30 horas un campionato de canicas no campo de A Gandareira.

As inscricións poderán realizarse ata o mesmo momento de empezar o campionato no propio campo, e terán un custe de 2 euros por persoa que serán integramente para a axuda á entidade deportiva. Haberá tamén servizo de bar, pinchos e unha charanga que amenizará o torneo. Repartiranse trofeos para os catro primeiros clasificados.

E se as canicas dan o pistoletazo de saída para as festas, a petanca poñerá fin ás mesmas, xa que o domingo 21, último día de festexos, ás 9:00 da mañá terá lugar un open internacional de petanca na Praza de Juan Salgueiro, organizado polo Clube Petanca Bandeira, e no que  participarán xogadores de Portugal, Francia e España.

Para a participación no torneo, que se celebrará na modalidade de tripletas, non será preciso estar federado, e poderase facer a inscrición ata o venres 19 de agosto, ás 18:00 horas, chamando aos teléfonos: 606.414.863 e 629.281.930, ou no enderezo electrónico cpbandeira@hotmail.es.

Repartiranse 1.000 euros en 4 premios, (1 de 400€, 1 de 300€ , 1 de 200€, e 1 de 100 euros), aos 4 primeiros clasificados. E tamén haberá reparto de trofeos doados por establecementos hostaleiros da localidade: Bar A Plazoleta, Bar Arume, Bar A Taberna do Músico, Bar A de Tachy.