As Festas de Verán de Silleda voltan do 10 ao 13 de xullo con numerosas actividades para todos os públicos

As Festas de Verán de Silleda voltan ao calendario do 10 ao 13 de xullo próximos con numerosas actividades para todos os públicos.

Os festexos da capital municipal arrancarán o xoves día 10 co tradicional chupinazo dende o balcón da casa do Concello ás 21:00 horas, ao que seguirá o concerto da banda local Distrito Dezaseis na Praza Siñor Afranio. A primeira xornada rematará ca verbena a cargo da Orquestra Panorama City e o DJ Casanova.

O venres 11 de xullo, festivo local no municipio de Silleda, o lacón será protagonista. A exaltación deste produto gastronómico cumpre 25 anos en Silleda, da man da Asociación Cultural O Lacón. A xornada comezará co desfile do grupo Aires de Trasdeza ata a Praza Juan Salgueiro, onde non faltará a tradicional degustación do produto ás 13:30 horas.

Ao mediodía haberá animación nos locais hostaleiros co grupo de Mariachis Sol de Galicia. Xa pola tarde chegará a actuación da Charanga Os Atrevidos e a Banda Xuvenil de Silleda actuará na praza silledense antes da cea do lacón. A verbena do venres contará cas actuacións da Orquestra Marbella e DJ Kintana.

O sábado arrancará ca actuación da charanga local Chourizo Criollo polas rúas da vila, a partir das 13:00 horas.

Ás 19:30 horas terá lugar na praza Siñor Afranio o concerto da banda de Música municipal de Silleda, que estará acompañada pola Sociedad Instructiva Unión Musical de Montserrat, de Valencia, como formación convidada.

A verbena do sábado estará protagonizada pola orquestra La Misión, que xa actuou en Silleda nos últimos dous anos, e os DJ Carlos López e Kike Varela.

 

Bautismo hípico para a rapazada, orquestra Finisterre e concerto das bandas

Nas xornadas do venres (pola tarde) e durante todo o día do sábado a rapazada poderá participar en sesións de bautismo hípico no recinto Semana Verde, no marco da feira Equina, que coincide tamén ca celebración das Festas de Verán.

As festas rematarán o domingo, unha xornada protagonizada polas bandas de música popular do municipio. Así, a Municipal de Silleda e a Recreativa e Cultural de Bandeira farán o pasarrúas e o concerto na Praza Siñor Afranio (19:30 horas). Na misa solemne (12:30) participará tamén a Coral Polifónica Trasdeza.

Para a rapazada, o domingo chegará á Praza da Igrexa o espectáculo “Superharte”, con Patty Diphusa, (18:00 horas), no marco do programa Cultura no Camiño.

As festas de Silleda despediránse ca actuación da Orquestra Finisterre e unha gran tirada de fogos artificiais o domingo á media noite.

O programa foi presentado este mércores no concello polos membros da comisión de festas que conforman Ricardo Espantoso, Pablo Fontao, Paula Rozas, Diego Peón, Sabela Ares, Rubén Fernández, e Maino Ares, xunto con membros da directiva da Asociación Cultural O Lacón, que preside Arturo López.

Dende o Concello tamén participaron a alcaldesa, Paula Fernández,  a concelleira de Cultura, Mónica González, e os concelleiros Manuel Requeijo e Estefanía Taín, que  agradeceron o traballo da comisión e da asociación gastronómica silledense, así como da colaboración da veciñanza co petitorio que se iniciou hai varias semanas.

Presentación do Lacón o venres 20

Por outra banda, o vindeiro venres día 20 a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación da XXV Festa do Lacón de Silleda na praza Juan Salgueiro, nun acto no que se dará a coñecer entre outros o cartaz desta edición especial da cita gastronómica.